Pestanas principais

O grupo municipal de teatro de Ames regresa o domingo coa obra O velorio de Xan de Outeiro

Xoves, 15 de novembro de 2018

[15-11-2018] Despois da gran acollida que tivo a súa estrea o pasado xuño, O velorio de Xan de Outeiro regresa da man do grupo municipal de Teatro de Ames. A representación terá lugar o domingo, 18 de novembro, ás 18.00h na Casa da Cultura de Bertamiráns. A peza, que está dirixida por María Ordóñez, é unha comedia negra arredor da morte dun narcotraficante na Galicia profunda. A entrada será de balde ata completar aforo.

A trama da peza xira arredor de Xan Outeiro, quen está a piques de morrer e quere o mellor velorio que se teña visto nunca. Porén, de onde van saír os cartos para pagar tal velorio? Dirixida por María Ordóñez, a obra será interpretada polas actrices e actores do grupo municipal de teatro de Ames. Desta maneira, conforman o elenco Carlos Labraña, Noemí Graña, Paz Romai, Emilia Mayo, Pablo Núñez, Dante Bussolari, Pilara Gómez, Carmela Pardal, Eva García e Patricia López.

O velorio de Xan Outeiro, dirixido a un público adulto, foi estreado o pasado 1 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro cun gran éxito de asistencia. Nesta ocasión, as entradas son de balde ata completar aforo.

Contido relacionado


Lindeiros: "O velorio de Xan de Outeiro regresa a Ames co grupo municipal de teatro"
Compostela 24 horas: "O grupo municipal de teatro de Ames regresa o domingo coa obra O velorio de Xan de Outeiro"