Pestanas principais

O grupo municipal de teatro de Ames pecha a X Mostra de Teatro Afeccionado de Ames coa representación da obra “A Voda”

Xoves, 26 de novembro de 2015

[26-11-2015] Este venres, 27 de novembro, remata a X Mostra de Teatro Afeccionado de Ames coa participación do grupo municipal de teatro de Ames, que porá en escena a súa última produción “A Voda”. Este espectáculo representarase, ás 21:00 horas, na Casa da cultura de Bertamiráns. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. Previamente, no marco desta mostra de teatro, actuaron a compañía The Puntillas Teatro, que naceu ao abeiro da Escola Municipal de Teatro de Santa Comba, e a Escola Municipal de Teatro de Negreira.

Para rematar a mostra, este venres 27 de novembro, chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo municipal de teatro de Ames coa súa última produción A Voda. Esta peza teatral está artellada sobre unha dramaturxia que reúne, asemade, os textos Tráxico á forza e Sobre os males que provoca o tabaco. Cómpre salientar a achega fundamental destas obras dramáticas do teatro universal ao patrimonio do teatro e da cultura galegas, gracias ás traducións e ao labor desenvolvido ao longo das últimas décadas por Francisco Pillado Mayor.

Dirección e elenco artístico
Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O deseño do espazo escénico, o aderezo e o vestiario correu a cargo da propia Mónica Camaño e dos actores e actrices que participan nesta peza teatral, mentres que o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as últimas montaxes do grupo.

Do deseño gráfico encárgase Pablo Gulín, mentres que o soporte técnico é de Armando Salas. O elenco artístico está composto por Mentxu Álvarez, Pi Rodríguez, Noe Graña, Paula Castro, Pablo Gulín, Emilia Mayo, Carlos Labraña, Pablo Nimo, Pilara Gómez, Paz Romai, Patricia Quintiá e Carmela Pardal.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "A obra A voda clausura a décima edición da Mostra de Teatro Afeccionado"