[08-06-2016] Este venres 10 de xuño, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro o Grupo municipal de teatro de Ames estrea a obra “As suplicantes”. Trátase dunha adaptación realizada pola súa directora, Mónica Caamaño, baseada na obra do dramaturgo grego Esquilo. O drama conta a historia dun grupo de mulleres que piden asilo á cidade de Argos ante as amezas de matrimonios forzosos que as perseguen. A entrada ao espectáculo é libre e gratuíto.
Emilia Mayo, Carmela Pardal, Paula Castro, Pilara Gómez, Eva García, Noemí Graño e Patricia López póñense na pel do coro das suplicantes, as protagonistas do relato de Esquilo. Pelasgo, o rei de Argos, é interpretado por Pablo Nimo. Diego Otero, Pablo Núñez e Pablo Gulín serán, respectivamente, o asesor e os dous mensaxeiros.
Na parte técnica traballan como soporte técnico Armando Salas, no deseño de luces Zé Paredes, no deseño gráfico Pablo Gulón e como axudante de dirección Carlos Labraña. O vestiario e o deseño e aderezo do espazo escénico foi realizado pola directora da obra, Mónica Caamaño, coa colaboración dos membros do Grupo municipal de teatro de Ames.
Despois de ofrecer a obra “A voda”, de Chejov, o Grupo municipal de teatro de Ames despide este curso con “As suplicantes”, elección que, explican no cartel da propia obra, ven dada pola súa conexión con acontecementos presentes; a fuxida e a busca de asilo e protección.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O Grupo municipal de Teatro vai ofrecer hoxe a obra As suplicantes"