Pestanas principais

O grupo municipal de teatro de Ames estrea a súa última produción “A voda”, unha obra de Antón Chekhov

Mércores, 03 de xuño de 2015

[03-06-2015] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres 5 de xuño, ás 21:00 horas, o estreo da nova montaxe do grupo municipal de teatro de Ames. “A voda” é o nome da última peza que preparou este grupo de teatro afeccionado, que naceu hai doce anos en forma dun obradoiro de interpretación. Esta representación enmárcase dentro da clausura dos obradoiros culturais, que se está levando a cabo nas últimas semanas.

Este venres, 5 de xuño, o grupo municipal de teatro de Ames representará a súa última produción, A voda, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A actuación terá lugar a partir das 21:00 horas. As entradas para ver esta obra de teatro son gratis e poderanse adquirir ata completar aforo.

Despois de representar a obra do italiano Goldoni, indagar no absurdo da man do alemán Karl Valentín, atreverse con Nunca nada de ninguén da autora portuguesa Luísa Costa Gomes, representar a obra O porvir está nos ovos, de Eugéne Ionesco, poñer en escena a comedia O Médico a paus, de Molière, representar a obra Véndese, unha adaptación feita do texto Segunda mano de Dulce Chacón, e poñer en escena a obra Tromparia, agora o grupo municipal de teatro de Ames representa A voda, unha obra de Antón Chejov.

Esta peza teatral está artellada sobre unha dramaturxia que reúne, asemade, os textos Tráxico á forza e Sobre os males que provoca o tabaco. Cómpre salientar a achega fundamental destas obras dramáticas do teatro universal ao patrimonio do teatro e da cultura galegas, gracias ás traducións e ao labor desenvolvido ao longo das últimas décadas por Francisco Pillado Mayor.

Dirección e elenco artístico
Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O deseño do espazo escénico, o aderezo e o vestiario correu a cargo da propia Mónica Camaño e dos actores e actrices que participan nesta peza teatral, mentres que o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as últimas montaxes do grupo.

Do deseño gráfico encárgase Pablo Gulín, mentres que o soporte técnico é de Armando Salas. O elenco artístico está composto por Mentxu Álvarez, Pi Rodríguez, Noe Graña, Paula Castro, Pablo Gulín, Emilia Mayo, Carlos Labraña, Pablo Nimo, Pilara Gómez, Paz Romai, Patricia Quintiá e Carmela Pardal.