Pestanas principais

O grupo municipal de teatro de Ames estrea este venres, 6 de xuño, a súa última produción “Tromparia”

Mércores, 04 de xuño de 2014

[04-06-2014] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres 6 de xuño, ás 21:00 horas, o estreo da nova montaxe do grupo municipal de teatro de Ames. “Tromparia” é o nome da última peza que preparou este grupo de teatro afeccionado, que naceu hai once anos en forma dun obradoiro de interpretación. Esta representación enmárcase dentro da Clausura dos obradoiros culturais, que se está levando a cabo nas últimas semanas.

Este venres, 6 de xuño, o grupo municipal de teatro de Ames representará a súa última produción Tromparia no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A actuación terá lugar a partir das 21:00 horas. As entradas para ver esta obra de teatro son gratis e poderanse adquirir ata completar aforo.

Despois de representar a obra do italiano Goldoni, indagar no absurdo da man do alemán Karl Valentín, atreverse con Nunca nada de ninguén da autora portuguesa Luísa Costa Gomes, representar a obra O porvir está nos ovos, de Eugéne Ionesco, poñer en escena a comedia O Médico a paus, de Molière, representar a obra Véndese, unha adaptación feita do texto Segunda mano de Dulce Chacón, agora o grupo municipal de teatro de Ames representa Tromparia.

Tromparia é a crónica anacrónica dun tempo e lugar imprecisos, pero presentes por recoñecibles. E neste xogo de luces e sombras de xalundes, transitamos polas cociñas do poder de Tromparia onde se fornean os plans económicos e as vidas dos cidadáns. Mentres o pobo, o protagonista da democracia, prefire resignarse nunha vida de cans diante da vertixe de teren que ser actuantes dun sistema que só coñecían de nome. Pero é que é tan cómodo o servilismo, delegar as decisións e o poder no letargo da vontade, sermos gobernados por alguén -quen for- e que nos deixen tranquilos. Que para iso pagamos impostos!

Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O deseño do espazo escénico, o aderezo e o vestiario correu a cargo da propia Mónica Camaño e dos actores e actrices que participan nesta peza teatral, mentres que o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as seis últimas montaxes do grupo. O elenco artístico está composto por Paula Castro, Maica Couto, Pilara Gómez, Carlos Labraña, Emilia Mayo, Pablo Nimo, Carmela Pardal, Manel Pardo, Patricia Quintiá e Paz Romai. Por último, o soporte técnico é traballo de Kachet Loxística Espectacular SL.