[09-11-2011] O pasado 4 de novembro comezou a quinta edición da mostra de teatro afeccionado que organiza o Concello de Ames. Este festival xa se está convertendo nunha referencia para todos os grupos de teatro afeccionado da comarca e de parte de Galicia e, pouco a pouco, vai espertando o interese de todas as persoas que gozan vendo este tipo de espectáculos. Este venres tócalle a quenda aos membros do grupo municipal de teatro de Ames que representarán a obra O porvir está nos ovos. A cita será ás 21:00 h na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta mostra permite que todos os grupos que actúan sen ánimo de lucro poidan dispoñer dun escenario para representar as obras que preparan con tanto interese e esforzo.
A quinta edición da mostra de teatro afeccionado comezou o pasado venres, 4 de novembro, e desenvolverase ao longo de todo o mes. Este ano, participan catro grupos de teatro dos municipios de Ames, Vedra, Narón e Muros, que contan cos auditorios das Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro para poder desenvolver as súas representacións. Deste xeito, un ano máis a Concello de Ames demostra o seu compromiso co desenvolvemento de actividades culturais de marcado carácter participativo.
A través deste pequeno festival a Concellaría de Cultura pretende promocionar, dar a coñecer e darlles aos grupos de teatro afeccionado un escenario onde poidan expresarse e representar as súas pezas teatrais. Ao mesmo tempo achégalles aos amienses espectáculos que están fóra dos circuítos comerciais pero que teñen un grande interese. Os encargados de abrir a mostra foron os integrantes do grupo municipal de teatro de Vedra. A compañía Andaravía teatro interpretou a peza teatral A cantante calva.
Na segunda xornada da mostra de teatro afeccionado, que se celebra este venres, 11 de novembro, os protagonistas serán os membros do grupo municipal de teatro de Ames. O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle, ás 21:00 h, a última montaxe do grupo municipal de teatro de Ames. O porvir está nos ovos é o nome da última peza que preparou este grupo de teatro afeccionado, que naceu hai oito anos en forma dun obradoiro de interpretación.
Despois de representar a obra do italiano Goldoni, indagar no absurdo da man do alemán Karl Valentín, atreverse con Nunca nada de ninguén da autora portuguesa Luísa Costa Gomes, agora o grupo municipal de teatro representa O porvir está nos ovos, de Eugéne Ionesco. Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, quen xa preparou as tres últimas montaxes do grupo.
O venres 18 de novembro, ás 21:00 horas, será a quenda para o grupo Carrachanacacha procedente de Narón, que porá en escena a obra Comendo pementos de Padrón con Tarantino. Trátase dunha comedia surrealista chea de humor e de sátira na que os protagonistas desenvolven varias historias cos seus desexos e anhelos máis íntimos. Esta comedia narra a singular vida de dúas mulleres, nai e filla, cos seus encontros e desencontros na peculiar escalada da filla ata a fama en todo o mundo. A representación terá lugar no auditorio da Casa de Cultura de Bertamiráns a partir das 21:00 horas. Esta peza de teatro está recomendada para persoas maiores de 14 anos e ten unha duración de 85 minutos.
A V Mostra de teatro afeccionado pecharase o venres 25 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa actuación da Escola de Teatro Municipal de Muros, que representará a peza Ceg@s. A sinopse desta obra di "en realidade era un día como outro calquera, rostros amargos, outros alegres, uns indiferentes, outros educados... O de sempre, a rutina de todos os días naquela praza da vila. Pero hoxe todo se parou, todo se transformou, a mirada daquela muller xa nunca lle esquecería a ninguén dos presentes. Desde aquel día xa non somos tan ceg@s". Esta obra tamén se encadra dentro dos actos do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A peza está recomendada para persoas maiores de 13 anos e ten unha duración de 70 minutos.
Todos os espectáculos terán lugar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A entrada é de balde para as catro representacións. Catro días cheos de citas teatrais para rir, divertirse e pasalo ben.