Pestanas principais

O grupo “Ith” é o gañador do Millarock

Venres, 24 de xuño de 2011

[24-06-2011] Malia que o festival Millarock non se celebrará debido á falta de orzamentos que ten o concello de Ames nestes momentos e á decisión do goberno municipal de priorizar gastos, o grupo gañador do certame, Ith, si que recibirá o premio en metálico que ascende a 1.000 euros e que lle entregará o rexedor amiense, Santiago Amor, na Casa do Concello nos próximos días. Os candidatos debían presentar a súa maqueta antes do 26 de maio e esta debía incluír dúas cancións de creación propia coa letra en galego, en formato mp3 e cun mínimo de compresión de 192 kbits. O sobre tamén tiña que incluír un breve dosier coa historia e fotografías do grupo en formato dixital.

Os grupos que gañaron este certame nos últimos tres anos foron Invivo, Dirty Socks e Belöp. Este ano o xurado estivo formado por Gael de Esteban Bassave, membro do grupo musical amesán, Son do Galpón, Isidro Cea Cabanelas, músico e técnico de son, e Sergio González Táboas, profesor da Escola de Música Municipal de Ames. En representación do Concello de Ames actuou como secretaria e animadora cultural María Vázquez Bermúdez.

Segundo o criterio do xurado, e por decisión unánime, a banda gañadora resultou ser Ith, un grupo de Mesía (A Coruña), que dende os seus inicios, alá polo ano 2001, fai rock en galego. Á formación orixinal do grupo, Miguel (guitarra), Toxo (baixo), Folgueira (batería) e Pablo (guitarra), uníronse no 2009 Thais (voz) e Rita (teclado e coros). Nestes 10 anos de traxectoria musical o grupo percorreu boa parte da xeografía galega. Ith conta cunha maqueta e cun disco editado gravado en directo, fan música con influencias de diversos grupos rock, heavy ou pop.

Foron 10 as bandas que participaron este ano no certame, todas tiñan que cumprir o requisito de ter editado un disco como máximo no mercado, e de adscribir o seu estilo as categorías de pop rock (rock'n'roll, pop, garage, psicodelia, rock, ska, reggae, punk, noise, R&B... e outras combinacións) metal (rock duro, heavy metal, trash, speed metal, doom, metal gótico, industrial, AOR, hardcore, rap metal... e outras combinacións) ou hip-hop (trip-hop, rap... e outras combinacións).

Difícil decisión

Segundo o xurado a decisión foi difícil debido á variedade de estilos e á alta calidade de moitas das propostas presentadas ao certame. Da maqueta gañadora destacaron fundamentalmente a voz da cantante, a frescura e a orixinalidade da proposta, o ben conseguido que estaba o ritmo, a excelente dinámica musical  do grupo e o ben empastado que estaba todo o conxunto. Tamén salientaron a boa estruturación dos temas  e a calidade das letras, unha letras poéticas que conseguen transmitir sen explicitar evidencias.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "El grupo Ith gana los mil euros del premio Millarock"