Pestanas principais

O grupo gañador do Millarock, Ith, estará hoxe xoves en Ames Radio

Xoves, 14 de xullo de 2011

[14-07-2011] Ith é o grupo galego gañador do certame musical Millarock . Esta formación actuará ás 12.30 en Ames Radio e darase a coñecer un pouco máis a todos e todas as oíntes nunha entrevista realizada po Nazaret López. De seguido, terán unha recepción no Concello de Ames na que o alcalde, Santiago Amor, lles entregará o premio que ascende a 1000 euros. Neste festival participaron un total de 10 bandas e todas elas presentaron dúas cancións de creación propia coa letra en galego. En anos anteriores os gañadores foron Invivo, Dirty Socks ou Belöp.

Ith é un grupo de pop/Rock de Mesía con 10 anos xa de traxectoria no ámbito musical e este ano resultou gañador do Certame Millarock. Desde os seus inicios tomou a decisión de utilizar idioma galego para facer música dirixida principalmente á mocidade, unha decisión natural, segundo eles mesmos indican, pois exprésanse musicalmente no idioma que utilizan na súa vida cotiá.

Malia que este ano, pola falta de orzamentos que ten o Concello de Ames, non se poderá celebrar o festival no que estaba previsto que actuaran, Ith recibirá da man do alcalde, Santiago Amor, o premio en metálico que ascende a 1.000 euros. Os candidatos foron en total 10 bandas, as cales tiveron que presentar a súa maqueta antes do 26 de maio, incluíndo dúas cancións de creación propia coa letra en galego en formato mp3. Os grupos gañadores deste certame nos últimos anos foron Invivo, Dirty Socks e Belöp. Nesta edición, o xurado estivo formado por Gael de Esteban Bassave, membro do grupo musical de Ames, Son do Galpón, Isidro Cea Cabanelas, músico e técnico de son, e Sergio González Táboas, profesor da Escola de Música Municipal. En representación do Concello de Ames actuou como secretaria e animadora cultural María Vázquez Bermúdez.

Segundo o criterio do xurado e por decisión unánime, a banda gañadora resultou ser Ith, un grupo d Mesía (A Coruña), que dende os seus inicios, alá polo ano 2001, fai rock en galego. Á formación orixinal do grupo, Miguel (guitarra), Toxo (baixo), Folgueira (batería) e Pablo (guitarra), uníronse en 2009 Thais (voz) e Rita (teclado e coros). Nestes 10 anos de traxectoria musical o grupo percorreu boa parte da xeografía galega. Ith conta cunha maqueta e cun disco editado gravado en directo e fan música con influencias de diversos grupos rock, heavy ou pop. E, como eles mesmos din "cada día nacemos un pouquiño máis e intentaremos ir mellorando a cada paso".

O xurado destacou a dificultade da a decisión debido á variedade de estilos e á alta calidade de moitas das propostas presentadas ao certame. Da maqueta gañadora destacaron fundamentalmente a voz da cantante, a frescura e a orixinalidade da proposta, o ben conseguido que estaba o ritmo, a excelente dinámica musical o grupo e o ben empastado que estaba todo o conxunto. Tamén salientaron a boa estruturación dos temas e a calidade das letras, unha letras poéticas que conseguen transmitir sen explicitar evidencias



Contido relacionado


Millarock no tendrá música, pero sí la entrega de premios