[01-06-2015] O grupo galego de música popular A Roda actuará o próximo sábado 6 de xuño, en Bertamiráns, onde presentará o seu novo disco. “Outra volta de roda” é o título dun libro-CD que recolle trece coñecidas cancións desta formación musical, reactualizadas por eles mesmos. É o décimo sexto disco que publica esta formación viguesa nos seus case corenta anos de traxectoria musical. O concerto será ás 22:00 horas nos xardíns do Pazo da Peregrina, con entrada gratuíta.
O Concello de Ames inicia o mes de xuño con outra importante actuación musical. Despois de concertos como o de de Amancio Prada, en febreiro, con motivo do aniversario de Rosalía de Castro, ou do Milladoiro para celebrar o mes das Letras Galegas, agora tócalle a quenda ao grupo A Roda.
O alcalde en funcións, Santiago Amor, destaca “o completo programa cultural para esta primavera, con actuacións de grupos de primeiro nivel”. Amor agarda que o sábado 6 de xuño “haxa un gran festa popular arredor da música tradicional desta agrupación mítica, tal e como sucedeu anteriormente no concerto de Milladoiro”.
“Un espectáculo moi divertido”
Un dos integrantes da Roda, Alfredo Dourado, explica “no concerto presentaremos o novo disco, pero tamén interpretaremos os temas de sempre”. Dourado asegura que será “un espectáculo moi divertido e entretido no que haberá espazo para temas instrumentais”. Por último, o músico adianta que “neste concerto interpretaremos dous ou tres novos temas que se incluirán no próximo disco”.
Outra Volta de Roda é “un resumen da historia musical da Roda”. Ademais, apunta Dourado, “a través deste traballo realízase unha homenaxe a toda a xente que pasou por esta formación e faise unha lembranza a Adolfo Domínguez 'Fito', membro fundador do grupo que faleceu en 2012”, engade. Por outra parte, o libro-CD dispón de 36 páxinas con textos escritos por grandes persoeiros da literatura galega e na gravación das cancións colaboraron grandes artistas como Najla Shami, Emilio Rúa ou Sés.





