- Tematica
San Pedro de Bugallido celebra esta fin de semana as súas festas patronais, que constarán de tres días de festa e música. Nun cartel copado polas actuacións de orquestras como Gran Parada e Ibiza, o evento central da festividade será o concerto do grupo folk Milladoiro, que actuará no campo da festa de Bugallido o sábado, 29 de xuño, a partir das 23.00 horas. Durante a súa actuación, os seis membros deste destacado grupo farán un percorrido polos doce temas que compoñen Atlántico, o seu último traballo.
O grupo Milladoiro chega a Bugallido este sábado, 29 de xuño, ao abeiro da xira de presentación do seu último traballo discográfico, que leva como título Atlántico. O concerto xirará en torno este novo disco, composto por un total de doce pezas que buscan homenaxear ao océano que baña as nosas costas. Entre as composicións que forman este traballo atopamos pezas como Abrente en Ortegal, Gaivota, Terra mollada ou Sweet Thames Flow Slowly, un tributo á figura do cantautor, poeta e artista multidisciplinar Ewan McColl. Todas elas pezas que se poderán gozar a partir das 23.00 horas no campo da festa da localidade amesá.
Así, o grupo formado por Nando Casal, Xosé V. Ferreirós, Moncho García, Harry C., Manu Conde e Manu Riveiro chega a Ames ao abeiro das festas patronais de San Pedro de Bugallido, para as que a Comisión de festas organizou un completo cartel composto por misas solemnes, procesións e moita música.
Unha fin de semana chea de música
As festas de San Pedro de Bugallido arrincan este venres 28 cunha verbena nocturna a cargo das orquestras Gran Parada e Ibiza. O sábado terá lugar unha misa solemne a partir das 12.30h, trala que se realizará a procesión, acompañada polo grupo Airiños do paseo de Colón, e unha sesión vermú amenizada pola orquestra Paraíso.
Xa pola noite, a nota musical poñerana o grupo folk Milladoiro e a orquestra Paraíso. O domingo, por outra banda, celebrarase unha misa cantada pola Coral A. Santomil e unha procesión acompañada polo grupo Os Castros. O dúo Rosán será o encargado de poñer música tanto á sesión vermú como á verbena da noite, na que estará acompañado pola orquestra Galilea.
Ligazóns:
La Voz de Galicia: "Bugallido celebra su fiesta patronal con Milladoiro en el cartel"
El Correo Gallego: "Milladoiro vai actuar en San Pedro de Bugallido o sábado"
Lindeiros: "Milladoiro actúa este sábado no San Pedro de Bugallido"
Compostela 24 horas: "O grupo Milladoiro estará actuando nas festas de San Pedro de Bugallido"