Pestanas principais

O grupo de Teatro Municipal de Bertamiráns remata tempada no Milladoiro coa obra “Atraso”

Venres, 03 de xuño de 2011

[03-06-2011] Nunha época futura onde o control sobre o individuo exércese dun xeito extremo, varias persoas agardan na Estación Central do continente Galichia a que chegue o transporte que os vai levar ás Illas Gozosas. Cada un deles ten un motivo especial e urxente para viaxar. Pero o transporte non da saído e ese tempo de garda serve aos viaxeiros para coñecerse, reflexionar, soñar e mesmo facer balance da súa propia vida e dos motivos polos que queren emprender esa viaxe. Esta é a historia que conta “Atraso”, a obra que o grupo de Teatro Municipal de Bertamiráns representará na Casa da Cultura do Milladoiro o domingo, día 5 de xuño ás nove da noite. Con guión e dirección da nosa compañeira de Ames Radio e responsable deste grupo de Teatro Municipal, Nazaret López, “Atraso” xa fora pré-estreada en Bertamiráns en xuño do ano pasado. Desde entón, e despois de incorporar novas escenas e novos personaxes, a obra foi representada xa noutros escenarios da contorna. Para o mes de novembro están previstas novas funcións de Atraso en varias localidades galegas.

Unha monxa que acaba de chegar do outro extremo do mundo, un cantante e animador de todo tipo de celebracións, un inspector laboral en misión de control rutinaria, unha viúva en tránsito de despedida, unha costureira de hábitos para imaxes relixiosas, dúas amigas que aparentemente van a unha proba de modelos, unha rapaza que quere cambiar de status e unha muller que soña con ver o ceo coinciden na Estación Central do Continente Galichia nun día calquera dun futuro tempo calquera. Todos e todas teñen un motivo para chegar o máis rápido posible ás Illas Gozosas. Pero o transporte no que deben viaxar atrásase unha e outra vez. Esta é a historia que conta "Atraso", a peza coa que o grupo de teatro Municipal de Bertamiráns despide tempada no Milladoiro.

"A obra naceu da necesidade de propoñer preguntas como se serve de algo facer plans, ter obxectivos e debuxar metas, se é un o que decide o seu camiño ou é o camiño quen decide por un e que grao de responsabilidade temos nas accións que determinan a nosa vida", conta a directora o grupo, Nazaret López, quen salienta ademais a implicación dos actores e as actrices no proceso creativo: "Desde que naceu o grupo de Bertamiráns, que naceu como un obradoiro de formación, sempre considerei que o traballo colectivo era fundamental á hora de crear unha historia. Coñecer os actores e as actrices e provocalos nos distintos traballos teatrais, especialmente nos de improvisación, facilitan moito a escrita que ademais, eu sempre fundamento na elección conxunta dun tema a tratar.

Deste xeito, Nazaret López creou para o, primeiramente obradoiro, e despois grupo de Teatro Municipal de Bertamiráns as obras "Precarios" e "Praza Ocupada", peza que percorreu máis dunha ducia de escenarios e coa que o obradoiro pasou a converterse en grupo municipal.

Ana Torreiro, Ari Muiño, Cruz Fernández, Jorge Couñago, Marisa Garea, Paco Rubinos, Paula Río, Pilar Otero e Pilar Sebe conforman o elenco de "Atraso". A música, orixinal, foi composta por Xabier Olite. Wenceslao Lamas fixo o cartel e Adrián Cunha, quen tamén formou parte do grupo, fixo as fotografías. A Brigada de Obras do Concello encargouse da creación dos elementos escénicos. O grupo, coa responsabilidade especial de Marisa Garea elaborou tamén o vestiario. Cruz Fernández, outra das actrices e Alba Fernández encargáronse da axudantía de dirección.