Pestanas principais

O Grupo de Teatro Municipal de Ames pecha a X Mostra de Teatro Afeccionado

Mércores, 28 de outubro de 2015

[28-10-2015] O grupo de Teatro Municipal de Ames pecha a X Mostra de Teatro Afeccionado coa representación de “A Voda” de Antón Chejov. A obra, dirixida por Mónica Caamaño, inclúe os textos “Tráxico á forza” e “Sobre os males que provoca o tabaco” do mesmo autor. O elenco artístico está composto por Mentxu Álvarez, Pi Rodríguez, Noe Graña, Paula Castro, Pablo Gulín, Emilia Mayo, Carlos Labraña, Pablo Nimo, Pilara Gómez, Paz Romai, Patricia Quintiá e Carmela Pardal. A entrada é libre e gratuíta até completar aforo. Previa á representación de A Voda, entregaranse os premios do V Concurso Radiofónico de Teatro Lido, Desata a lingua!

Esta peza teatral está artellada sobre unha dramaturxia que reúne, ademais da obra “A Voda”, os textos “Tráxico á forza” e “Sobre os males que provoca o tabaco”. Cómpre salientar a achega fundamental destas obras dramáticas do teatro universal ao patrimonio do teatro e da cultura galegas, gracias ás traducións e ao labor desenvolvido ao longo das últimas décadas por Francisco Pillado Mayor.

Dirección e elenco artístico
A Voda está dirixida por Mónica Camaño. O deseño do espazo escénico, o aderezo e o vestiario correu a cargo da propia directora e dos actores e actrices que participan nesta peza teatral, mentres que o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as últimas montaxes do grupo.

Do deseño gráfico encárgase Pablo Gulín, mentres que o soporte técnico é de Armando Salas. O elenco artístico está composto por Mentxu Álvarez, Pi Rodríguez, Noe Graña, Paula Castro, Pablo Gulín, Emilia Mayo, Carlos Labraña, Pablo Nimo, Pilara Gómez, Paz Romai, Patricia Quintiá e Carmela Pardal.

Entrega de premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido, Desata a lingua!
Coincidindo coa clausura da X Mostra Municipal de Teatro, farase a entrega de premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido “Desata a lingua!”, no que este ano participaron 17 grupos de alumnos/as do segundo ciclo da ESO e do bacharelato dos Centros Educativos IES de Ames (Bertamiráns), IES do Milladoiro e Colexio Alca. O acto de entrega terá lugar ás 20:30 horas do venres 27 de novembro de 2015.