[26-06-2013] O grupo de Teatro Down Compostela representa este venres 28 de xuño, ás 20:00 horas, a obra “Vodas de Sangue” no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O acceso á sala será libre e gratuíto ata completar aforo. Este grupo de teatro, dirixido por Lucas Herrador, está composto por mozos con Síndrome de Down e discapacidade intelectual, alumnos do Ciclo Superior de Animación Sociocultural de Pontepedriña e voluntarios/as. É a quinta obra que representa o Grupo de Teatro Down Compostela, que conta co financiamento de La Caixa.
Tras o éxito conseguido no Salón Teatro de Santiago de Compostela, os 26 integrantes do Grupo de Teatro Down Compostela volven subirse ao escenario para representar de novo a obra de Federico Gacía Lorca “Vodas de Sangue”. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o escenario no que, a partir das 20:00 horas, estes actores volverán dar mostras do seu bo facer e o traballo realizado durante os últimos meses. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.
O Grupo de Teatro Down Compostela está formado por mozos con Síndrome de Down e discapacidade intelectual (22 actores do total de 26), alumnos do Ciclo Superior de Animación Sociocultural do IES de Pontepedriña e por voluntarios/as sen discapacidade, apostando pola integración e a normalización tamén no mundo do teatro. Os novos actores móstranse relativamente tranquilos, xa que “Vodas de Sangue” é a quinta obra que representan.
Os actores, que teñen xa unha longa traxectoria sobre o escenario, móstranse “moito menos nerviosos que nas primeiras actuacións”, como explica Adrián Cutrín, un dos mozos con discapacidade intelectual.
Cada un deles vive o teatro de distinta maneira. Manuel Lens cre que o principal é “estar cos compañeiros e pasalo ben” e, como todo bo actor que se prece, pensa que “se te sabes o papel e estás concentrado non sentes vergoña no escenario”. “O máis duro é aprenderche os textos e ensaiar moitos días”, din Yone e Elena Zas, que interpretan á sogra e á muller de Leonardo, respectivamente.
Son moitos os mozos desta compañía teatral que, tras anos interpretando, queren dedicarse profesionalmente á carreira de actor ou actriz. A interpretación é, sen dúbida, a paixón de Elías Ledo, un dos membros deste grupo, que comenta “xa teño bastante experiencia e actuar paréceme fácil”.
Patrocinado por La Caixa, “Vodas de Sangue” é a quinta obra que representa o Grupo de Teatro Down Compostela, despois da posta en escena de “Alicia no país das marabillas”, “Esopo e as súas fábulas”, “Romeo e Julieta” e “Fuenteovejuna”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Teatro Down Compostela representa este viernes en Ames la obra Bodas de Sangre"




