Pestanas principais

O grupo de Teatro Down Compostela estrea hoxe no Milladoiro “As probas de Hércules”

Venres, 12 de setembro de 2014

[12-09-2014] O grupo de Teatro Down Compostela pon en escena hoxe, venres 12 de setembro ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Milladoiro, a obra “As probas de Hércules”, unha peza de creación propia que mestura a mitoloxía grega coa música de finais do século XX. Dirixida por Lucas Herrador e financiada pola Fundación Down Compostela, “As probas de Hércules” é a sexta obra que representa este grupo de teatro que está composto por persoas con síndrome de Dwon e discapacidade intelectual. A meirande parte destas obras foron representadas nos auditorios de Ames. A entrada é libre e gratuíta.

23 actores e actrices compoñen o elenco de “As probas de Hércules”, un divertimento teatral que xurde, segundo o seu director, Lucas Herrador, da idea de poñer en escena ao mais famoso dos heroes helenos nunha viaxe que o leva a percorrer o mundo coñecido dos antigos gregos. Coa escusa do mito de Hércules e dos caprichos dos deuses helenos que, aburridos no Olimpo deciden xogar coa vida dun mortal, o grupo de Teatro Down Compostela crea un ambiente no que parecen divertirse tanto os espectadores como os actores que interpretan a peza, tal e como se demostrou na estrea da peza o pasado mes de xullo en Compostela.   Para Lucas Herrador, director da montaxe e do grupo de Teatro Down Compostela, o traballo responde a intención de divertir tanto aos actores como aos espectadores. “Se Hollywod manexa os mitos gregos e romanos como mellor lle prace, ¿porque nos non iamos facer algo parecido?”, pregúntase Herrador ao tempo que recorda que “a representación non sería posible sen a implicación de profesionales e familiares de Down Compostela que, buscando un oco nas súas axendas agendas botaron unha man para poder facer posible o proxecto”.

As Probas de Hércules é a sexta obra que representa o Grupo de Teatro Down Compostela. O grupo presentárase no Auditorio de Galicia no ano 2009 con “Alicia no país das maravillas”, Sucesivamente, e a ritmo de unha obra por ano, puxeron en escena, sempre con gran éxito de crítica e público, "Esopo e as suas fábulas”, "Romeo e Xulieta" , “Fuenteovejuna” e "Bodas de Sangre". “Despois de interpretar seis obras, podemos afirmar con toda seguridade que o teatro axuda aosmozos e as mozas de Down Compostela a expresarse, a falar con mais seguridade e manter unha mellor comunicación co mundo que os rodea e con eles mesmos. En definitiva, o teatro axúdalles a entender que na vida non todo é sota, cabalo e rei, a que todo está mesturado, a que en cada suceso pode haber moitos matices, a diferenciar entre realidade e a ficción e mesmo a rirse da realidade cando esta se pon adversa”, manifesta Herrador.

Financiada pola Fundación Down Compostela, os mozos do grupo de teatro levan moitos meses ensaiando “As probas de Hércules”. Hoxe chegan a Ames coa intención de facer pasar un rato inesquecible a todos e todas aquelas persoas que se acheguen a velos. A representación terá lugar ás 8 da tarde na Casa de Cultura de Milladoiro. A entrada é libre e gratuíta.