Pestanas principais

O grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo representará mañá no Milladoiro a peza teatral “O médico a paus”

Luns, 17 de xuño de 2013

[17-06-2013] Este martes, 18 de xuño, ás 19:00 h, o grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo presenta na Casa da Cultura do Milladoiro a súa última produción “O médico a paus”. Esta mesma obra representarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o próximo martes, 25 de xuño, ás 19:00 horas. Ademais, o venres 28 de xuño, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a representación de “Bodas de Sangre”, do grupo de Teatro Down Compostela. Estas representacións serán de balde. Poderase acceder ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro ata completar aforo.

Durante o mes de xuño continúa a programación teatral no concello de Ames con tres representacións a cargo do grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo e do grupo de Teatro Down Compostela. A programación teatral comeza este martes 18 de xuño, ás 19:00 horas, coa representación de O médico a paus, de Moliere, a cargo do grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo. Esta mesma obra de teatro será representada o martes 25 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Bertamiráns.

Trátase dunha versión de Lucas Herrador segundo a tradución de Leandro Fernández de Moratín. O reparto de O médico a paus está composto por Manuel Valiño, Susana Amor, Lucar Herrador, José María Varela, Ana María Rodríguez, Isaura Blanco, María Castro, Pilar Sánchez e Joaquín López. A dramaturxia e dirección corre a cargo de Lucas Herrador, mentres que da produción encargáronse La Caixa e o Hospital psiquiátrico de Conxo.

O grupo de teatro do Hospital Psiquiátrico de Conxo creouse no ano 2008 co obxectivo de que os seus integrantes comprendesen, amasen e gozarán cos interpretación teatral. Durante cinco anos representaron 12 obras: “Las muchas historias”, “Conto de Nadal”, “As letras galegas” “Ubú rey”, “Las reinas magas pasaron por el hospital”, “La tempestad”, “O saxofonista da rúa vella”, “Rosalía de Castro”, “Las pruebas de Hércules”, “Luces de tolemia” “Autobús a Belén” e “O médico a paus”. Deste xeito, deron vida a Shakespeare, Valle-Inclán, Alfred Harry, Rosalía de Castro e realizaron readaptacións de clásicos e obras orixinais.