Pestanas principais

O grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo presenta mañá en Bertamiráns a súa última produción Luces de Tolemia

Luns, 11 de xuño de 2012

[11-06-2012] Dende a Concellaría de Cultura teñen preparada unha programación ateigada de teatro para o mes de xuño. Este martes, 12 de xuño, ás 18:30 h, o grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo presenta na Casa da Cultura de Bertamiráns a súa última produción Luces de Tolemia. Esta mesma obra representarase na Casa da Cultura do Milladoiro o próximo martes, 19 de xuño, ás 18:30 horas. Ademais, o venres 15 de xuño, ás 21:30 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a representación de Vidas Privadas, da compañía The Puntillas Teatro (Escola municipal de teatro de Santa Comba). Estas representacións serán de balde. Poderase acceder ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro ata completar aforo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa de man da obra de teatro Luces de Tolemia.


Durante o mes de xuño continúa a programación teatral no concello de Ames con tres representacións a cargo do grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo e da compañía The Puntillas Teatro. A programación teatral comeza este martes 12 de xuño, ás 18:30 horas, coa representación de Luces de Tolemia a cargo do grupo de teatro do Hospital psiquiátrico de Conxo. Esta obra baséase no texto Luces de bohemia de Ramón María del Valle-Inclán, publicado en 1920 e revisado e reeditado en 1924. Esta obra non se estreou en España ata 1970. Luces de bohemia é unha das pezas máis importantes do autor e con ela Valle-Inclán inaugura un novo xénero teatral denominado esperpento.

O reparto de Luces de Tolemia está composto por María Castro, José María Varela, Samantha Romero, Joaquín López, Susana Amor, Almudena González, Isaura Blanco, Manuel Varela, Isabel Outeiral, Carmen Cabrera e Fernando Botana. A dramaturxia e dirección corre a cargo de Lucas Herrador, mentres que da produción encargáronse La Caixa e o Hospital psiquiátrico de Conxo. Como axudantes de dirección traballaron Susana Mirás, Teresa Santos e José Luis Seoane. Esta mesma obra de teatro será representada o martes 19 de xuño, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Vidas Privadas

Por outra banda, o venres, 15 de xuño, ás 21:30 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a representación da obra Vidas Privadas, da compañía The Puntillas Teatro (Escola municipal de teatro de Santa Comba). A peza está dirixida a todos os públicos e ten unha duración de 40 minutos.

Na obra trátase de reponder a varias preguntas: ¿que hai detrás dunha porta cando se pecha por dentro na soidade dun fogar? ou ¿na intimidade que producen unhas paredes a salvo de calquera persoa allea?. Esas persoas alleas van ser os espectadores. Eses voyeurs que miran por un burato estreito e incómodo. Só que os espectadores estarán sentados comodamente na butaca dun auditorio.

O reparto de Vidas Privadas está composto por Lola Blanco, Uxía Pensado, Mariña Pinto, Vanesa Esculta, Laura Pose, Nuria Amarelle, Digan Muñiz, Begoña Rial, Yolanda Ruzo, Marga Suarez e Javier Garcia. Xan Martínez é o aoutor e o director da obra . As tres representacións serán de balde. Poderase acceder ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro ata completar aforo.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Luces de Tolemia llega a Bertamiráns"