Pestanas principais

O grupo de folk galego A Roda actúa mañá sábado ás 22:00 horas nos xardíns do Pazo da Peregrina

Venres, 05 de xuño de 2015

[05-06-2015] O grupo galego de música popular A Roda actúa este sábado, 6 de xuño, en Bertamiráns para presentar o seu novo disco, un libro-CD que, baixo o título "Outra volta de roda", recolle 13 coñecidas cancións desta formación musical que foron reactualizadas por eles mesmos. Trátase do décimo sexto disco que publica esta formación galega na súa ampla traxectoria musical. O concerto será ás 22:00 horas nos xardíns do Pazo da Peregrina. A entrada ao concerto é libre e gratuíta.

O Concello de Ames comezará o mes de xuño con outra importante actuación musical. Tralas actuacións en febreiro de Amacio Prada, con motivo do aniversario de Rosalía de Castro, e en maio do grupo folk Milladoiro para celebrar o mes das Letras Galegas, agora tócalle a quenda ao grupo galego de música popular A Roda, que presentará o seu último disco no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Tras 40 anos de traxectoria este grupo galego elaborou un libro-CD que recolle temas de sempre reactualizados. Segundo explica un dos integrantes da Roda, Alfredo Dourado, “no concerto que ofreceremos en Bertamiráns presentaremos o novo disco, pero tamén interpretaremos os temas de sempre da Roda. Trátase dun espectáculo moi divertido e entretido no cal tamén interpretamos varios temas instrumentais”. Por último, Dourado, adianta que “neste concerto interpretarán dous ou tres novos temas que se incluirán no próximo disco”.

Outra Volta de Roda
Outra Volta de Roda “é un resumen da historia musical da Roda. Ademais, a través deste traballo realízase unha homenaxe a toda a xente que pasou por esta formación e faise unha lembranza a Adolfo Domínguez 'Fito', membro fundador do grupo que faleceu en 2012”, engade Alfredo Dourado.

Por outra banda, o libro-CD dispón de 36 páxinas con textos escritos por grandes persoeiros da literatura galega. Ademais, na gravación das cancións colaboraron grandes artistas como Najla Shami, Emilio Rúa ou Sés.