[08-05-2015] O grupo de folk galego Milladoiro actuará por primeira vez no núcleo amesán do Milladoiro o vindeiro sábado, 9 de maio. O concerto será ao aire libre na explanada que hai xunto á Casa da Cultura ás dez e media de noite. O veterán grupo, que leva trinta e cinco anos en escena, abrirá o concerto con Alalá das Mariñas, peza que fora recompilada polo folclorista Faustino Santalices, e durante hora e media fará un repaso antolóxico polo seu repertorio, incluíndo a suite formada por Tecendo liño, A bruxa e Muiñeira do Areal do seu primeiro disco A Galicia de Maeloc.
O Concello de Ames, trala actuación de Amancio Prada en febreiro con motivo do aniversario de Rosalía de Castro, continúa en maio, mes das Letras Galegas, cunha programación “de primeiro nivel e pensada para todos os públicos”, en palabras do seu alcalde, Santiago Amor. “É un orgullo para nós ofrecer actuacións da categoría de Amancio ou Milladoiro, grupo do que algún membro é veciño noso. Así que esperamos unha gran festa popular arredor da música tradicional desta agrupación mítica que gusta a todo o mundo”, subliña.
Milladoiro traballa actualmente nun disco e DVD co concerto en directo do festival de Ortigueira do ano pasado, “que quere ser unha homenaxe á trixésima edición de tan emblemático festival”, segundo explica o grupo. “Por outra parte –agrega– Milladoiro aínda ten cousas que aportar á nosa música popular, o que quere dicir que seguirá habendo novos traballos do grupo”.
Aparte dos concertos en Galicia, no mes de xullo Milladoiro actuará en Madrid e logo iranse de xira por Italia. E a principios de outono actuará nos teatros Arriaga de Bilbao e Victoria Eugenia de San Sebastián.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Milladoiro ofrece el sábado un concierto en Ames"




