Pestanas principais

O góspel chega a Ames para concienciar á veciñanza sobre a importancia da doazón de órganos

Venres, 28 de novembro de 2025

Alcer Galicia, da man do Concello de Ames e o Coro Góspel Vida, organizan un orixinal concerto de góspel este sábado, 29 de novembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns co obxectivo de crear conciencia social entre os veciños e veciñas amesás e poñer o foco nas necesidades do colectivo das persoas afectadas por enfermidades crónicas de ril.

Unha idea que, en palabras da concelleira de Benestar Social e Igualdade, é “algo novo no noso Concello” e que “vai sorprender”. A concelleira recordou tamén que Ames “é un Concello solidario e vai dar unha moi boa resposta” e quixo agradecer a predisposición de Alcer para escoller Ames como localización para realizar o evento: “Sempre que poidamos, aí estaremos”, indicou. 

Durante a velada, ademais de moita música tamén haberá sorpresas, xa que durante o evento realizaranse sorteos entre as persoas asistentes para facer o espectáculo aínda máis dinámico e atractivo, sen perder de vista o seu fin solidario. O obxectivo é mobilizar á sociedade para converterse en doadoras de órganos.

As entradas teñen un custo de 10 euros para fins benéficos e xa poden ser adquiridas nas tendas Secretos de tocador, en Bertamiráns, e Libraría Nenos Nais, no Milladoiro. 

Alcer Galicia
Alcer Galicia, coordinada por Alfredo Saborido, é unha Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril que ten como obxectivo prestar atención psicosocial e mellorar a calidade de vida das persoas con este tipo de afeccións, así como de todos os seus achegados. 

O góspel chega a Ames para concienciar á veciñanza sobre a importancia da doazón de órganos

Multimedia

  • O góspel chega a Ames para concienciar á veciñanza sobre a importancia da doazón de órganos