Pestanas principais

O Goberno volve demandar información sobre as repercusións que tería para o Concello a incorporación como socio de pleno dereito na Mancomunidade Serra do Barbanza

Sábado, 17 de outubro de 2015

[17-10-2015] O próximo 31 de decembro expira o contrato asinado entre o Concello de Ames e a Mancomunidade de Municipios Serra do Barbanza para a recolleita e tratamento dos residuos sólidos urbanos. O goberno local vén de remitir un escrito á Mancomunidade no que lle insta a que lle faga chegar a documentación que lle requiriu no seu día, a través do departamento de Intervención, baseada no coñecemento de aspectos de todo tipo, tanto xurídicos como económicos, que derivarían dunha hipotética incorporación á Mancomunidade como membro de pleno dereito.

Ante a falta de resposta por parte de Mancomunidade Serra do Barbanza nos últimos meses, o goberno insiste na necesidade de coñecer toda a información necesaria acerca da repercusión de que o Concello de Ames entre na mesma como socio de pleno dereito. Entende o goberno municipal que a futura forma de prestación dun servizo de tal transcendencia admite varias alternativas, unha situación que deriva na necesidade de dispoñer da máxima información ao respecto de cada unha das opcións posibles, a fin de escoller de xeito fundamentado a que máis conveña ao interese municipal.

Neste sentido, o goberno quere coñecer a disposición da Mancomunidade para proceder á prórroga do actual acordo e considera necesario que o Concello de Ames poida participar nas xuntanzas da Xunta Reitora da Mancomunidade para ser coñecedores dos debates e das decisións que alí se tomen. Hai que lembrar que o Concello de Ames é o que máis residuos aporta á Mancomunidade, polo que solicita que se lle invite en calidade de oínte.

O alcalde de Ames, José Miñones, asegura “non entender moi ben os movementos da Mancomunidade, xa que está deixando de lado ao Concello con maior presenza na mesma. Non se nos transmite ningún tipo de información ao respecto, nin de reunións nin de índole económica”. Esa falta de información únese á preocupación e queixas amosadas por varios concellos polo incumprimento da empresa adxudicataria do servizo de recollida e tratamento do lixo, Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), de varios dos aspectos contractuais, ademais da existencia dunha auditoría que arroxa datos preocupantes. Motivos que o goberno local considera máis que suficientes para formar parte das reunións da Xunta Reitora.

O alcalde de Ames, José Miñones, xa aludira no pasado mes de agosto á necesidade de estudar o que faría o Concello cando remate o contrato que ten en vigor coa Mancomunidade Serra do Barbanza, que pasa por continuar nesta entidade ou tomar outro camiño e buscar outra fórmula para a xestión do lixo en Ames. Foi despois da reunión mantida coa presidenta e a secretaria da Mancomunidade, un encontro no que tamén participou o concelleiro de Servizos Básicos, Blas García. Neste sentido, o goberno local solicitou recentemente unha reunión con Sogama para coñecer todas as alternativas posibles e as súas condicións, xa que en apenas dous meses e medio expira o contrato asinado entre o Concello e a Mancomunidade Serra do Barbanza.