[26-09-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, en nome de todo o Goberno municipal acaba de enviarlle unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, onde se detallan as necesidades de Ames co fin de que as teña en conta no momento da elaboración dos vindeiros orzamentos. O rexedor municipal decidiu enviarlle esta carta ao presidente da Xunta despois de que non ter resposta á solicitude de reunión que se lle solicitou o pasado 16 de xuño. As principais necesidades que ten o termo municipal de Ames na actualidade recóllense en oito puntos diferentes.
En primeiro lugar, solicítase a construción dun novo centro de saúde para O Milladoiro. Este é o núcleo urbano máis grande do concello de Ames cunha poboación superior aos 13.000 habitantes, e se se ten en conta a súa contorna, o número de usuarios e usuarias do centro de saúde ronda os 16.000. O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “nos orzamentos do ano 2013 existía unha partida de máis de 2.700.000 euros para esta obra, que ademais foi compromiso da consellería de Sanidade. Esta partida non se executou e foi retirada dos orzamentos seguintes. A construción dun novo dispensario é unha reclamación histórica e unha necesidade imperiosa, xa que o actual non ten nin capacidade, nin condicións para acoller e tratar a todos as pacientes que o necesitan”.
Continuando co eido sanitario, segundo se recolle nesta carta, o centro de saúde de Bertamiráns necesita unha actuación urxente, xa que nos últimos 25 anos non se realizou ningún tipo de obra de mellora. Este centro está desbordado, xa que atende a preto de 18.000 usuarios e usuarias. Carece de elementos básicos e reiteradamente reclamados como a modificación da zona administrativa ou a colocación dun ascensor. É recomendable a realización dun estudio de necesidades e adaptación dos espazos para cubrir e atender a demanda que ten na actualidade.
Ampliación da depuradora de Sisalde
Outra das necesidades que se lle plantexa ao presidente da Xunta é a ampliación da depuradora de Sisalde. Esta ampliación foi prometida e anunciada no ano 2012 sendo conselleiro de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas, Agustín Hernández. O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, destaca que “existe na actualidade un proxecto que xa contempla esa ampliación, pero que por motivos que descoñecemos está paralizado e dilatándose no tempo”.
No apartado educativo, trasládase a necesidade de arranxar e pechar os pavillóns polideportivos e as pistas dos colexios e do IES de Ames. Segundo explica o concelleiro de Educación, David Santomil, “esta é unha demanda que nos están a facer todas as ANPAS do concello de Ames, debido a meteoroloxía de Galicia, non sempre se pode facer uso deles”.
Tamén se solicita o arranxo e mellora dos tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames. O concello de Ames crúzano dous tramos do Camiño de Santiago: o Camiño Portugués, que pasa polo Milladoiro, e o Camiño Real ou Camiño a Fisterra que pasa por varias parroquias amienses. É necesario realizar actuacións de mellora, tanto do propio camiño como na sinalización do mesmo. E no caso concreto do Camiño a Fisterra é necesario realizar unha senda na parroquia de Trasmonte ata Ponte Maceira, xa que os peregrinos deben realizar o seu camiño pola estrada, co perigo que iso lle ocasiona, e máis se se ten en conta o incremento no número de peregrinos durante os últimos anos.
Ademais, nesta carta recóllese a petición de que se rematen as beirarrúas da estrada Roxos- Portomouro, no lugar de Piñeiro ata o límite con Val do Dubra. Unha reclamación dos veciños e veciñas de Piñeiro, os cales, dada a proximidade de Portomouro realizan moita da súa actividade neste concello e polo cal se desprazan a pé ata a localidade. Segundo as estimacións do goberno é necesario construír unha beirarrúa duns 200 metros aproximadamente.
Cemiterio municipal e parque de bombeiros
Hai cinco anos que rematou a construción do cemiterio municipal dos Batáns, preto de Bertamiráns, e dende aquela non se puxo en funcionamento por diversas razóns, o que provocou que o vandalismo e os roubos levasen a este servizo a un estado de abandono. Na actualidade, existe a intención de proceder á súa apertura, pero para iso é necesario un investimento que ronda os 500.000 euros. Esta cantidade é inasumible para os fondos municipais, para o cal se necesita unha axuda para poder proceder á súa apertura e posta en funcionamento. Polo cal dende o goberno municipal solicítase a colaboración da Xunta de Galicia.
Por último, nesta carta faise referencia a que dende hai varios anos o Concello de Ames ten cedida unha parcela á Xunta de Galicia, para a construción dun parque comarcal de bombeiros, que é unha necesidade básica para os concellos da comarca de Santiago.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames toca en la puerta de la Xunta"
El Correo Gallego: "Centros de saúde, cemiterio e Camiño, prioridades de Ames"




