Pestanas principais

O Goberno reforzará ao longo do curso o programa “Amessan”

Sábado, 19 de setembro de 2015

[19-09-2015] Un ano máis ponse en marcha o programa "Amessan" que inclúe actividades lúdicas e de aprendizaxe destinadas especificamente aos maiores do municipio. O programa inclúe actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional "Ao son da sacha" e obradoiros de manualidades "Creando fogares". As distintas desenvólvense nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro e nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte. Como novidade inicial este curso impartirase xerontoximnasia en Trasmonte e o goberno anuncia que estará pendente das opinións e demandas dos usuarios/as para ampliar o programa.

O programa Amesan de actividades para persoas maiores de 60 anos verase reforzado ao longo do curso unha vez que se poña en marcha e se escoiten as opinións dos usuarios/as. Polo de pronto e atendendo a unha vella demanda da veciñanza de Trasmonte, este ano impartirase xerontoximnasia nesta parroquía. “A intención é volver a poñer en valor o programa e darlle a importancia que tiña cando foi creado, despois que nestes últimos anos baixara en cualidade e en consecuencia en número de participantes”, manifesta a concelleira de Atención Veciñal e Voluntariado, Isabel González Cancela.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Luisa Feijoó manifesta que “estar ao carón dos nosos maiores e prestarlle unha atención global e unha cuestión prioritaria para o goberno que atenderá as súas necesidades e demandas como unha prioridade absoluta. Por iso continuamos co proxecto de Amessan e impulsaremos todo o que poidamos”
Na programación deste ano consta que se impartirá a actividade de “Creando Fogares” en Agrón os xoves entre as 17:00 e as 19:00, en Cruxeiras os martes entre aS 18:00 e as 20:00 e en Trasmonte os mércores entre as 18:00 e as 20:00. “Ao son da sacha”, o obradoiro de música e baile tradicional, estará o martes entre as 17:00 e as 19:00 na Ameixenda, o mércoeres entre as 16:30 e as 18:30 en Bugallido e o luns, entre as 19:00 e as 21:00 en Trasmonte.

Os obradoiros de memoria que levan o apelativo de “Ludoteca cognitiva” impartiranse na Ameixenda os xoves de 17:00 a 19:00, os luns e mércores de 16:30 a 17:30 en Bertamiráns, os xoves de 17:30 a 19:30 en Bugallido, os mércores de 17:00 a 19:00 en Cruxeiras, os luns e os mércores entre as 19:30 e as 20:30 en Milladoiro e os mércores de 18:00 a 20:00 na Tarroeira.

No canto de Xerontoximnasia, unha das actividades máis demandadas polos usuarios/as, impartirase os mércores e venres, entre as 18:30 e as 19:30 en Augapesada, os martes e xoves en horarios de 12:00 a 13:00 e 17:00 a 18:00 en Bertamiráns, os luns e venres de 20:00 a 21:00 e en dous grupos en Bugalido, os martes e xoves de 20:00 a 21:00 en Cruxeiras, os martes e xoves de 17:30 a 18:30 e de 18:30 a 10:30 en Milladoiro, os luns e mércores de 19:00 a 20:00 en Piñeiro, os luns e mércores de 20:30 a 21:30 na Tarroeira e os mércores e venres de 17:00 a 18:00 en Trasmonte.

O prazo para inscribirse nas actividades de Amessan está aberto. As actividades comezan o 5 de outubro e todas aquelas persoas que queiran inscribirse ou desexen máis información poden facelo chamando ao teléfono 672 071 561 entre as 10:00 e as 14:00 horas ou ao teléfono da Oficina do Voluntariado 662 377 044.