Pestanas principais

O goberno publica o procedemento para a utilización dos locais socioculturais xestionados polo Concello

Mércores, 28 de outubro de 2015

[28-10-2015] Co obxectivo de poñer a disposición da veciñanza os locais públicos de xestión municipal e de axilizar a súa reserva, o goberno municipal, a través da concellaría de Educación e Cultura, publica o procedemento para que particulares e asociacións poidan acceder con facilidade á concesión temporal destes espazos. Na actualidade o Concello de Ames xestiona 10 espazos socioculturais: as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, o Pazo da Peregrina e os locais sociais de Agrón, Biduído, A Tarroeira (Ortoño), Augapesada, Cruxeiras, Piñeiro e Trasmonte. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o formulario que se debe cumprimentar para poder acceder a estes locais.

A utilización dos espazos públicos de Ames que xestiona directamente o Concello, estará regulada a partir de agora coa publicación deste procedemento para a utilización dos locais socioculturais. “Coa publicación deste procedemento, cumprimos co compromiso electoral adquirido de poñer a disposición da veciñanza e das asociacións, os locais socioculturais que xestiona directamente o Concello, definindo unha formula que facilitará e axilizará a reserva destes espazos”, manifesta o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil.

Os locais socioculturais xestionados actualmente polo Concello de Ames son os seguintes: a Casa da Cultura de Bertamiráns que conta cun auditorio, unha sala de usos múltiples, dúas aulas e unha sala de exposicións; a Casa da Cultura do Milladoiro que conta cun auditorio, unha sala de usos múltiples e dúas salas máis; o Pazo da Peregrina que ten unha sala de exposicións e unha sala de xuntas; e os locais sociais de Agrón, Biduído, A Tarroeira (Ortoño), Augapesada, Cruxeiras, Piñeiro e Trasmonte.

Procedemento de solicitude dos locais
O primeiro paso que se debe dar para solicitar algún dos locais xestionados polo Concello de Ames é contactar cos servizos administrativos da Concellaría de Educación e Cultura para comprobar a dispoñibilidade; este contacto pode facerse a través do teléfono 981 88 49 91 ou do enderezo electrónico administracion.cultura@concellodeames.org.

Unha vez comprobada a dispoñibilidade deberá presentarse unha solicitude na que se indique: nome e apelido, DNI, domicilio completo, teléfono, e-mail; no caso de que sexa unha entidade quen solicite o local deberá presentar o CIF, o domicilio social, o teléfono e o correo electrónico. Especificarase ademais o local concreto, os días e a franxa que se solicita. Deberá constatar tamén a solicitude a declaración de se a actividade que se vai realizar é con ánimo de lucro (cobrando entrada, vendendo, etc) ou, pola contra, se a actividade será sen ánimo de lucro.

As solicitudes recoméndase facelas cunha antelación mínima de seis días laborables e máxima de dous meses anteriores ao inicio da actividade. As solicitudes poderán presentarse por medio de dúas modalidades: enviando un correo electrónico ao enderezo administracion.cultura@concellodeames.org ou nos rexistros do Concello: Casa do Concello, Oficinas Municipais do Milladoiro ou Pazo da Peregrina.

Á hora da concesión hai que ter en conta que a reserva non será automática e só se fará efectiva cando o demandante reciba confirmación por e-mail ou por teléfono. As dúbidas, aclaracións ou consultas que se queiran facer serán atendidas nos teléfonos : 981 884 991 / 662 377 017 e no e-mail: administracion.cultura@concellodeames.org. As persoas que o desexen tamén poden dirixirse directamente ao departamento de Cultura que está situado no Pazo da Peregrina, na Avda. José Luís Azcárraga Nº 5 de Bertamiráns, 15220, Ames.

Máis de 200 solicitudes presentadas
A concellaría de Educación e Cultura tramitou un total de 224 solicitudes de espazos públicos dende a incorporación do novo goberno municipal, 88 das cales foron solicitadas por particulares ou asociacións locais. Todas as demais corresponden a solicitudes internas doutras concellarías ou por grupos políticos.

A porcentaxe de ocupación dos locais municipais varía dependendo do tipo de local e das datas. Tamén é moi superior durante o tempo do curso escolar e baixa considerablemente nas épocas de vacacións debido á ausencia de obradoiros e actividades que só se realizan durante os períodos lectivos.

Nas casas de cultura as ocupacións medias aproximadas son as seguintes: Nos auditorios, de luns a xoves, a ocupación varían entre un 5% e un 35 % polas mañás e entre un 33% e un 99% polas tardes, dependendo do día de semana. En canto aos venres, a ocupación vai dun 60% a un 75% e os fins de semana, nos que as actividades son primordialmente municipais, a ocupación vai do 25% ao 75%.

Nas aulas, o uso é superior durante a semana (de luns a venres) xa que se realizan nelas múltiples actividades e obradoiros, tanto do propio Concello como de outras asociacións, cifrándose a media de ocupación, dependendo do día de semana e do local, entre un 35% e un 70% de ocupación fixa.

No relativo aos locais parroquiais a ocupación e moi inferior e tamén varía moito en función do local do que esteamos a falar. Así, aínda que na maioría deles a ocupación non supera o 20%, hai algún que rexistra durante a semana unha media próxima ao 50%, realizándose a práctica totalidade das actividades polas tardes e só, nos fins de semana, algunha polas mañas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello publicita el criterio para la cesión de uso de sus espacios socioculturales"