Pestanas principais

O goberno presenta o novo sistema voluntario especial de pagamento do IBI, que posibilita a división do recibo en dous prazos sen custo adicional

Venres, 24 de marzo de 2017

[24-03-2017] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da campaña para achegar á cidadanía o novo sistema voluntario de pagamento do IBI, que posibilita a división do recibo do imposto de bens inmobles en dous prazos sen custo adicional. O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, presentaron esta iniciativa pola que os veciños e veciñas de Ames poderán pagar a metade do recibo do IBI en xuño e a outra metade no mes de outubro, sen esixir xuros de mora e sen custe adicional ningún para o contribuínte. O prazo para a presentación de solicitudes para acollerse a este sistema especial de pagamento remata o 30 de maio.

O Concello de Ames ten delegada na Deputación da Coruña a xestión e recadación do IBI, polo que a finais de 2015 o goberno municipal xa solicitara ao ente provincial que establecera un sistema especial de pago para poder dividir o recibo do IBI en dous prazos sen custo adicional para o contribuínte. A mediados do pasado mes de decembro a Deputación da Coruña comunicou ao Concello de Ames que lle concedía este novo sistema especial de pago, a partir de 2017.

O goberno quere agora reforzar o anuncio desta posibilidade de pagamento especial a través dunha campaña publicitaria por todo o termo municipal, coa distribución de cartelería nos colexios, Casas da Cultura, bares, comercios, locais sociais, urbanizacións, pavillóns, parroquias, portais, bibliotecas ou centros de saúde.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou na presentación que “Ames é o primeiro concello da provincia da Coruña, dentro dos que teñen delegada a xestión na Deputación, que consegue establecer este novo sistema especial de pago, abrindo así as portas a que outros concellos poidan facelo tamén, buscando o beneficio dos nosos veciños e veciñas para facilitarlle os pagos do recibo máis gravoso, o denominado recibo da contribución”.

O alcalde de Ames, José Miñones, salientou que “seguimos a incrementar novas accións que, desta volta, van facilitar o pago do IBI. No eido económico o programa do goberno ía máis alá desa redución da débeda ou desa redución de pago medio a provedores. Tamén eran actuacións directas sobre o IBI. Xa fixemos unha, a rebaixa do imposto, pola que o Concello ingresa 600.000 euros menos pero que considerabamos que era máis que necesaria e, agora, facemos esta segunda parte para pagar en dúas mensualidades distintas. Era algo que demandaban os veciños e veciñas e despois de moito traballo do departamento de Economía e Facenda o conseguimos”.

Requisitos
Os veciños e veciñas que desexen acollerse a este novo sistema voluntario especial de pagamento do IBI deberán tramitar a solicitude na oficina da Deputación da Coruña en Ames, situada na rúa do Ameneiral, 18, baixo. Os interesados/as poden descargar o impreso na ligazón http://bit.ly/2mQfYh5 ou a través do banner que xa se atopa na cabeceira da páxina web municipal. É requisito imprescindible, igualmente, proceder á domiciliación bancaria do recibo.

Este ano o prazo para a presentación de solicitudes remata o 30 de maio. En todo caso, os veciños e veciñas poderán solicitar acollerse a este novo sistema especial de pagamento do IBI de xeito voluntario antes do 30 de maio de cada exercicio.

A concelleira de Economía e Facenda aclara que “se unha persoa se acolle a este sistema durante este ano, xa queda prorrogado para que goce do devandito sistema de pagamento do IBI durante os vindeiro exercicios. Para darse de baixa tería que renunciar e así volver ao sistema anterior”.

Para máis información, os interesados/as poden dirixirse á Oficina da Deputación da Coruña en Ames ou facelo a través do número de teléfono 981 818 919.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames ofrece a los vecinos la posibilidad de abonar el IBI en dos plazos sin coste adicional"
El Correo Gallego: "Os amienses poderán pagar o IBI en dous prazos sen custo adicional"