Pestanas principais

O goberno municipal volve a realizar unha campaña para poñer en valor as escolas unitarias de Covas e Ortoño

Venres, 23 de febreiro de 2018

[23-02-2018] O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou este pasado xoves a escola unitaria de Covas para repartir entre o alumnado carteis da campaña que se acaba de iniciar para poñer en valor e dar a coñecer as escolas unitarias de Ames. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer entre a veciñanza amesá a existencia de dúas escolas públicas de ensino infantil para nenos de 3 a 6 anos de idade. Neste dous centros de ensino o Concello de Ames realizou, ao inicio de curso, unha serie de traballos de mellora nos que se investiron máis de 3.500 euros.


Obras de mellora nas escolas unitarias
Antes do inicio de curso o Concello de Ames executou obras de mellora nas escolas unitarias de Covas e Ortoño. No caso da escola de Covas completouse a instalación do peche perimetral do recinto, que se iniciou en 2016, e pintouse o edifico pola parte externa e todos os locais interiores. Ademais, colocouse tarima nunha zona do chan da escola dedicada a que os nenos/as xoguen.

Por outra banda, na escola unitaria de Ortoño, colocouse unha mampara exterior fronte a fachada e acondicionouse a zona de xogo exterior e de xardín. A instalación da mampara, unha vella reclamación das nais e pais das nenas e nenos usuarios, impide a acumulación de auga na entrada da escola, o que acostumaba provocar escorregamentos e caídas nos días de choiva. Nestas actuacións, incluídas dentro do Plan de Mantemento 2017 elaborado a partir das propostas achegadas polos centros escolares ao finalizar o anterior curso escolar, investíronse máis de 3.500 euros.

Santomil incide no compromiso do goberno municipal coas escolas unitarias. “Desde o Concello de Ames apostamos pola continuidade no futuro das escolas unitarias, ao valorarmos moi positivamente o modelo educativo que ofrecen”.

A través desta iniciativa o goberno municipal pretende dar a coñecer e informar da existencia destas escolas, aos pais e nais con fillos e fillas con idades escolares comprendidas entre 3 e 6 anos. Esta campaña desenvolverase durante o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2018-2019. Os dípticos informativos repartíronse nas escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena e nas escolas infantís da Rede Galiña Azul, así como nas dúas unitarias de Covas e Ortoño.

Esta campaña púxose en marcha en marzo de 2017 co obxectivo de axudar a estabilizar o nivel de alumnado nestas escolas de menores dimensións, situadas no ámbito rural. Grazas a dita campaña a escola unitaria de Ortoño viu duplicado o seu número de alumnas e alumnos en apenas un só ano. Se no curso 2016-2017 eran 11 as nenas e nenos usuarios (dúas alumnas pasaron para a Educación Primaria); este curso 2017-2018, esta escola ten 18 alumnas e alumnos de Educación Infantil. As 9 novas matrículas corresponden todas a crianzas de 3 anos de idade, polo que a continuidade da escola está garantida, durante todo o ciclo de infantil, nos próximos anos. Ademais, a escola de Covas conta con 11 nenos e nenas, polo que tamén dispón de alumnado suficiente para os vindeiros cursos.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “esta campaña informativa tivo boa acollida entre a veciñanza amesá. Serviu para incrementar o número de matrículas na escola unitaria de Ortoño e, ademais, amosou que un 82% das nais e pais, de usuarias e usuarios das escolas unitarias, están moi satisfeitos co seu funcionamento”. Por último, destaca que “o apoio ás escolas unitarias representa a necesidade de apostar polo rural do concello”.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Ames pone en valor sus escuelas unitarias"