Pestanas principais

O goberno municipal visita varias empresas de tecnoloxía instaladas nos lofts do polígono do Milladoiro

Sábado, 21 de abril de 2018

[21-04-2018] O goberno municipal continúa coa rolda de visitas a empresas amesás relacionadas co eido tecnolóxico iniciada a comezos deste mes de abril. Nesta ocasión visitaron 10 empresas de tecnoloxía amesá que están instaladas nos lofts do polígono Novo Milladoiro. Deste xeito, visitaron as empresas Ozono, Kúpula, Juan Capellá (Economistas - Auditores), Data Center, Orgadata, Gonzalo Redondo (deseñador de catamaráns), Stellgus Abogados & Asesores (servizos xurídicos), Intedya, Zadia Software e Staff Hotel. Dende o executivo amesán apostan por fomentar a ubicación de novas empresas relacionadas coa tecnoloxía no polígono do Milladoiro.

O alcalde de Ames, José Miñones, acompañado da concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e do axente municipal de desenvolvemento local, Jorge Couñago, visitaron esta semana 10 empresas que están instaladas nos lofts do Novo Milladoiro. Tratouse dunha toma de contacto entre a dirección destas empresas e mailo goberno municipal.

As empresas que se visitaron foron: Ozono (empresa de programadores informáticos que traballan coa Axencia EFE, Meteogalicia e Televisión de Galicia, entre outras compañías), Kúpula (empresa de construción), Juan Capellá (Economistas - Auditores), Data Center (administración electrónica de distribuidoras), Orgadata (empresa alemá composta por dous programadores informáticos que traballan en solucións informáticas para o sector do metal), Gonzalo Redondo (deseñador de catamaráns), Stellgus Abogados & Asesores (servizos xurídicos), Intedya (consultora de calidade e medio ambiente e Normas ISO), Zadia Software (programadores informáticos de desenvolvemento de aplicacións web e APP) e Staff Hotel (externalización de servizos para o sector hoteleiro).

A través destas visitas o goberno municipal pretende coñecer as instalacións de ditas empresas, o funcionamento desta entidades relacionadas co eido tecnolóxico, as súas inquedanzas e favorecer a súa visibilidade. Tamén se intenta favorecer a creación de sinerxías comúns coa Administración local. A comezos do mes de maio continuarase coa visita a empresas situadas neste lofts do polígono. Asemade, tense previsto durante os vindeiros meses visitar outras entidades como Zenit Televisión ou Bahía software, que vén de instalarse no concello de Ames.

O goberno municipal está realizando unha serie de visitas que vai a levar a cabo nos próximos meses ás empresas do concello, para coñecer de cerca o perfil e as necesidades que se plantexan. O alcalde e a concelleira de Promoción Económica resaltan o alto grado de profesionalidade e o nivel que están a acadar as empresas tecnolóxicas de Ames con recoñecementos internacionais e premios como o recentemente obtido na Deputación da Coruña pola empresa OpSeeker Tech, galardoada co premio de Mellor Iniciativa Empresarial Nova.

O alcalde de Ames, José Miñones, resaltou que “o parque empresarial do Milladoiro destaca pola implantación de empresas do audiovisual e tecnolóxicas de referencia internacional. Imos a seguir apostando por atraer talento e empresas importantes como recentemente sucedeu con Bahía software. Asemade, teño que agradecer ás empresas que nos recibiron e ensinaron as súas instalacións, así como a Ángel e Emilio que nos acompañaron na visita”.