Pestanas principais

O goberno municipal visita as parroquias onde se realizaron as 21 actuacións recollidas nos Orzamentos Participativos de 2017

Sábado, 03 de febreiro de 2018

[03-02-2018] Esta semana os representantes das distintas parroquias que son membros integrantes da Comisión de Orzamentos Participativos, xunto co alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitaron as parroquias do concello para ver as actuacións que se realizaron a través dos Orzamentos Participativos de 2017. En total, gastáronse 139.194,90 euros. O orzamento inicialmente dedicado a esta iniciativa era de 132.000 euros, polo que se investiron a maiores 7.194,90 euros de fondos propios. Entrando no apartado de Galerías da web municipal podes ver diversas fotos das actuacións realizadas.


Orzamentos Participativos para a mocidade
Desde o goberno informouse que, cumprindo co compromiso adquirido, repetirase a iniciativa do proceso de Orzamentos Participativos no rural durante o exercicio 2018, e se lles fixo unha proposta aos membros da Comisión para que continuaran traballando no novo proceso de Orzamentos Participativos do 2018, aceptando dita proposta. Engadiuse que haberá que facer un esforzo por conseguir representantes da parroquia de Agrón e de Ames. Adiantouse tamén que neste ano ampliarase a iniciativa participativa e establecerase de xeito paralelo un proceso de Orzamentos Participativos para a mocidade, no que xa se está a traballar.

Actuacións executadas
O martes 30 de xaneiro visitaron as actuacións feitas nas parroquias de Covas, Ames, Lens e Tapia. En Covas investíronse 10.237,91 euros no acondicionamento da pista que bordea o campo da festa de dita parroquia. En Ames colocáronse taboleiros de anuncios nos lugares de Castelo, Pedras, Pousada, Outeiro. Esta actuación tivo un custo de 5.749,92 euros. Nesta mesma parroquia destináronse 6.066,94 euros á mellora do firme da praza de Lamas e 847 euros para a adquisición de cadeiras para o local social de Augapesada. Na parroquia de Lens arranxáronse as pistas deste núcleo rural e mellorouse a seguridade viaria. Esta actuación tivo un custo de 13.951,88 euros. En Tapia dedicáronse 2.847,74 euros ao asfaltado da pista de Frenza; 7.346,24 euros para mellorar a iluminación pública en toda a parroquia; e 5.213,76 euros á mellora da rede de pluviais en Vilouta.

Por outra banda, o xoves 1 de febreiro visitáronse as actuación executadas nas parroquias de Bugallido, Biduído, Ortoño, Trasmonte e na Ameixenda. En Bugallido realizáronse dúas actuacións. Na primeira investíronse 8.088,85 euros para arranxar a pista de acceso ao campo da festa, en Guimaráns, mentres que para a rehabilitación do lavadoiro e fonte pública da aldea de Tarrío dedicáronse 5.516,79 euros. En Biduído dedicáronse 12.000 euros para realizar distintas melloras no local social da parroquia (mellora da acústica, acondicionamento do local, eliminación de humidades e mellora da accesibilidade coa construción de novos aseos accesibles). En Ortoño tamén se fixeron melloras no local social da parroquia (obras de acondicionamento do local, eliminación de humidades e traballos de mellora da accesibilidade coa construción dunha rampla de acceso). Nesta actuación tamén se investiron 12.000 euros.

En Trasmonte investíronse 11.000 euros na mellora e acondicionamento do local social da parroquia (acondicionamento local, mellora da accesibilidade coa construción de novos aseos accesibles e eliminación de humidades). En Trasmonte tamén se dedicaron 983 euros para colocación de sinais indicadoras de dirección aos diversos lugares da parroquia (Suevos, Sorribas, Salgueiro, etc). Na parroquia de Piñeiro investíronse 8.336,34 euros para mellorar a pista da aldea de San Mamede. Por último na parroquia da Ameixenda fixéronse dúas actuacións. A primeira, que tivo un custo de 6.010,69 euros para a instalación de canastras e portarías no campo da festa, así como para pintar as liñas da pista polideportiva e a instalación de farois led neste lugar. A segunda actuación consistiu na construción dunha rampla de acceso ao local social da parroquia que tivo un custo de 2.055,23.

Ademais, cómpre lembrar que da parroquia de Agrón non se presentou proposta algunha, polo que os 12.000 euros que lle correspondían a este parroquia dedicáronse a adquisición dunha retroescavadora de segunda man para realizar traballos de arranxo de pistas e cunetas polo rural amesán. Esta proposta foi presentada polo goberno municipal, xa que redunda no beneficio de toda a veciñanza amesá, como alternativa para poder empregar os 12.000 euros sobrantes, posto que non se presentou por parte da veciñanza ningunha proposta para a parroquia de Agrón. Finalmente, dita proposta foi aprobada por unanimidade na xuntanza mantida pola comisión o pasado 6 de xullo de 2018.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou que “a rolda de visitas que realizamos durante esta semana polas distintas parroquias, acompañados dos representantes da veciñanza, para ver as obras e actuacións feitas no proceso de Orzamentos Participativos de 2017, amosounos que esta fórmula de participación é posible. Ademais, con estas actuacións conseguíronse satisfacer necesidades do rural esquecidas ata o de agora. Deste xeito, mellorouse a sinalización de aldeas, colocáronse paneis informativos, arranxouse un lavadoiro, executáronse obras de accesibilidade, rehabilitáronse locais sociais, e arranxáronse pistas...”.

“Partindo dunha iniciativa novidosa dotada cunha contía non moi elevada de 132.000 euros, destaco unha frase das veciñas/os: "cantas cousas se fixeron! Como estiramos os cartos!". A xestión municipal é a xestión de todas/os e a participación da cidadanía nela é un dereito. Por iso, este goberno non só vai seguir apostando por esta fórmula, senón que imos ampliar a participación neste novo proxecto de Orzamentos Participativos de 2018 e tamén noutras áreas do Concello”, engadiu Genma Otero.

Respecto da realización das actuacións, o goberno municipal informou que se realizaron a totalidade de propostas menos unha que quedou pendente de execución este ano, gastando neste proceso máis crédito do que inicialmente se tiña previsto de 132.000 euros. Deste xeito, acadouse unha cifra de gasto que se achega aos 140.000 euros, financiando ese importe restante (uns 8.000 euros) con fondos propios do Concello de Ames. Premendo aquí podes ver diversas fotos das actuacións realizadas.