Pestanas principais

O goberno municipal visita á palilleira amesá Ana Rosa Lista

Martes, 17 de xullo de 2018

[17-07-2018] Este luns, 16 de xullo, o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e maila técnica de Turismo, Sonia Moure, visitaron a Casa Escola Obradoiro da palilleira amesá, Ana Rosa Lista, que está situada no lugar de Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño. Este encontro serviu para avanzar en futuros proxectos de colaboración entre ambas as dúas partes. Ana Rosa Lista formouse na Escola Holandesa do Encaixe e os seus traballos beben de tradicións tan dispares como a galega, a holandesa, a rusa ou a italiana, combinadas con técnicas máis modernas e novidosas. Acudirá por terceiro ano consecutivo á Mostra Internacional “Rendas de Bilros” en Peniche, entre o 19 e o 22 de xullo.

O Concello de Ames e maila mestra artesá, Ana Rosa Lista, están a estudar novos proxectos de colaboración para poder poñer en valor o traballo desta profesional do encaixe. Membros do goberno municipal e maila técnica de turismo do Concello de Ames visitaron este pasado luns, 16 de xullo, A Casa Escola Obradoiro da palilleira amesá. Alí puideron ver moitos dos seus traballos e deseños (moitos deles dun incrible valor e únicos) que xa foron presentados en varios encontros e desfiles, recibindo varios premios e nalgúns casos forman parte de importantes exposicións.

O alcalde de Ames, José Miñones, incidiu en que “dende o Concello estamos estudando varias accións para ampliar a colaboración que mantemos dende hai varios anos con Ana Rosa, que ten situado ao concello de Ames como un referente no amplo e variado mundo do encaixe. Cabe destacar que un dos agasallos institucionais que se entregan dende a Alcaldía é un prato coa A de Ames bordada por Ana Rosa”.

Ana Rosa Lista imparte formación en diferentes técnicas e especialidades de encaixes e bordados. A nivel formativo a palilleira amesá realizou cursos impartidos pola Xunta de Galicia como son os de “Perfeccionamento do encaixe moderno” (2009); “Técnicas de encaixe moderno” (2010); “Comenzo e remates de encaixe de Torchón” (2010); e “Arte do bolillo e a súa aplicación” (2011). Asemade, realizou o curso de formación de profesora da Escola holandesa de encaixe e especializouse en encaixe contemporáneo holandés, encaixe italiano (Cantú e Milán), encaixe antigo holandés, encaixe francés (Chantilly), encaixe de pleitados; schneeberg, torchón, guipur e ruso.

Por outra banda participou en cursos da profesora Mariña Regueiro de encaixe italiano (Idria), encaixe holandés (Flandes), e curso de remates invisibles. Tamén asistiu a cursos coa profesora Esperanza Marín de encaixe de Dinamarca (Tónder), e encaixe holandés de Bruxas.

Primeiro Premio de Exaltación do traxe galego antigo
Ana Rosa Lista ten participado nun grande número de exposicións e encontros profesionais en diferentes localidades da xeografía nacional e internacional. Os seus traballos e mestría na creación e deseño de novos puntos e patróns é cada vez máis recoñecida fóra das nosas fronteiras. Tamén colabora na edición de libros e publicacións especializadas como no libro “Los Encajes de Mario Gallego Rey” e na revista “Vuelta y Cruz”.

Entre os moitos premios acadados cómpre salientar o segundo Premio de deseño e execución do encaixe galego (Mostra do Encaixe de Camariñas, en 2010) e mailo primeiro Premio de Exaltación do traxe galego antigo do ano 1895 (2010). Entre os seus traballos destacan os deseños propios, a restauración de pezas antigas e picados, a elaboración de bordado tradicional (traxe tradicional de Galicia), a colección de encaixes tradicionais galegos e estranxeiros antigos, así como a elaboración de traxes tradicionais de diferentes zonas de Galicia.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O goberno municipal visita á palilleira amesá Ana Rosa Lista"
El Correo Gallego: "Ames intensificará la colaboración con la palilleira Ana Lista"