[23-12-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González, visitaron as oficina que ten a Unión de Consumidores de Galicia na localidade de Bertamiráns. Nesta visita, na que estiveron acompañados por un técnico municipal do departamento de promoción económica, aproveitaron para falar cun dos técnicos da UCGAL para programar novas actividades de cara ao comezo de 2017. Deste xeito, proximamente impartirán unha charla sobre a devolución que terán afrontar as entidades bancarias a todas as persoas afectadas polas denominadas “cláusulas chan”, trala sentenza ditada recentemente polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).
A Unión de Consumidores de Galicia xa leva un mes ofrecendo asesoramento á veciñanza amesá en materia de consumo en dous espazos cedidos polo Concello e que están situados en Bertamiráns e no Milladoiro. Os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os luns de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Mentres que en Bertamiráns, as oficinas están instaladas no Pazo da Peregrina, e atenderán os mércores de 16:30 a 20:30 horas, e os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.
O técnico da UCGAL, Félix Caramés, explica que dende a UCGAL se ofrece asesoramento sobre calquera dúbida que poidan ter os veciños en materia de consumo. “Durante o primeiro mes que estamos atendendo nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro, os veciños están acudindo a solicitar información pouco a pouco porque van coñecendo o servizo que se está prestando. As principais peticións de asesoramento feitas pola veciñanza amesá durante este tempo están relacionadas coa electricidade, o gas e a banca”. Caramés tamén explica que o asesoramento que se ofrece é totalmente gratuíto.
“A cada persoa que acude a falar con nós explícanselle os dereitos do consumidor, o que se pode facer no caso que presenta, a onde ten que acudir, e a documentación que ten que presentar. Ademais, no caso de ser socio a tramitación da denuncia faríase dende a propia Unión de Consumidores de Galicia”. Por último, o técnico da UCGAL anima aos veciños e veciñas a acudir as oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro, “aínda que se considere que son cantidades pequenas, as que se teñen que reclamar, ou son problemas sen importancia, porque solicitar información e defender os dereitos de cada consumidor non custa nada”.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca a importancia do traballo que fai a Unión de Consumidores de Galicia “prestando asesoramento presencial aos veciños e veciñas, que resulta fundamental na resolución dos seus problemas. Esta organización é consciente da importancia de manter un contacto directo e constante coas persoas consumidoras para axudarlles nas súas problemáticas e dúbidas en eidos que van desde o sanitario ó eléctrico pasando polo bancario ou o das telecomunicacións”.
Próximas actividades
Nesta visita, na que estiveron acompañados por un técnico municipal do departamento de promoción económica, aproveitaron para falar cun dos técnicos da UCGAL para programar novas actividades de cara ao comezo de 2017. Deste xeito, proximamente impartirán unha charla sobre a devolución que terán afrontar as entidades bancarias a todas as persoas que tiñan as denominadas cláusulas chan, trala sentenza ditada polo Tribunal de Xustiza da UE (TXUE).
Sobre este asunto dende a Unión de Consumidores de Galicia animan aos afectados polas cláusulas chan a presentar reclamación e indican que a sentenza ditada polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea non é de aplicación automática nin tampouco para tódolos casos. Asemade, engaden que “máis de 35 de cada 100 hipotecas asinadas en España inclúen unha cláusula chan, e a porcentaxe foi máis alta nos anos da burbulla inmobiliaria. Catro de cada dez galegos e galegas que pagan unha hipoteca están regalando milleiros de euros aos bancos”.
Ademais de acudir ás oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro, as persoas que o desexen poder realizar consultas chamando ao número de teléfono 662 130 312 ou entrando na páxina de Facebook da Unión de Consumidores de Galicia. Cada caso presentado será estudado e a persoa usuaria informada das distintas vías de reclamación das que dispón.





