[02-04-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron as obras realizadas en varios camiños do rural a través do programa de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Deste xeito, investíronse 52.250 euros na mellora do camiño de Quintáns (Ameixenda); do camiño Pegariños-San Fins-Límite co concello de Brión, na parroquia de Ames, e nun camiño da parroquia de Covas.


O alcalde de Ames, José Miñones, resaltou “a aposta que este goberno realiza pola mellora do rural, en concreto nestes tres camiños que estaban en mal estado e necesitaban ser pavimentados con urxencia”. Asemade, dende o goberno municipal amosan a súa desconformidade con este plan da Xunta de Galicia porque reduciu considerablemente a cantidade que lle viña dando aos concellos para este tipo de programas. En Ames pasouse de recibir 60.000 euros en 2016 a ter pouco máis de 40.000 euros para os exercicios 2017 e 2018.
Deste xeito, a través deste programa executouse a mellora do camiño do lugar de Quintáns, pertencente á parroquia da Ameixenda; do camiño que vai dende Pegariños, pasando por San Fins, ata o límite co concello de Brión, situado na parroquia de Ames; e nun camiño da parroquia de Covas. Os membros do goberno municipal visitaron estes lugares para comprobar o estado de ditos camiños despois de executar as obras e puideron conversar con varios veciños e veciñas destas aldeas.
O investimento para a mellora destes tres camiños chegou a través do programa de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con cargo ao plan de mellora de camiños municipais 2017-2018 que achegou unha contía de 43.182 euros. O Concello de Ames asumiu os 9.068,22 euros correspondentes do IVE.
Contido relacionado

Lindeiros: "Melloras en camiños rurais de Ameixenda, Ames e Covas"
Compostela 24 horas: "El gobierno municipal visita las obras ejecutadas en caminos de la Ameixenda, Ames y Covas en los que se realizó una inversión de 52.250 euros"
Ames Go: "Miñones visita camiños arranxados recentemente en Ameixenda, Covas e Ames"




