Pestanas principais

O Goberno municipal visita as melloras executadas nos accesos e interiores de Ortoñiño e As Cortes

Martes, 09 de agosto de 2022

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, achegouse o pasado venres 5 de agosto ao lugar das Cortes, na parroquia de Ortoño, co fin de revisar as obras realizadas na zona. O proxecto, no que se investiron 152.729 euros, inclúe melloras nos interiores dos núcleos de Ortoñiño e As Cortes e nos seus accesos, con melloras na pavimentación, a drenaxe e a seguridade viaria. O alcalde estivo acompañado do concelleiro do Rural, Santiago Márquez, ademais de persoal municipal e de representantes da empresa redactora do proxecto.

O Goberno municipal visitou a pasada semana dúas actuacións no rural amesán, na parroquia de Ortoño, na que se está a executar unha senda peonil de Lapido a Maguxe e onde xa remataron os traballos nos interiores e os accesos dos lugares das Cortes e de Ortoñiño. Ambos proxectos, nos que o Concello de Ames investiu arredor de 354.000 euros, teñen como obxectivos a mellora da drenaxe, da pavimentación e da seguridade viaria destas infraestruturas.

Deste xeito, o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e o concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez, desprazáronse o pasado venres 5 de agosto ao núcleo das Cortes, acompañados de persoal municipal e da empresa redactora deste proxecto, que conta cun orzamento de 152.729 euros e que foi adxudicado á empresa Construcciones Iglesias Mera SL.

A través das melloras xa executadas, os viarios das Cortes, divididos en tres treitos, contan con novos pavimentos con regas asfálticas, aglomerado en quente e formigón. Nestes tramos reparáronse fochancas, demoleuse e substituíuse o pavimento anterior, e executáronse novas cunetas e canalizacións de pluviais, ademais de limpar as gabias, renovar a pinturas e instalar dous novos sinais de stop.

De maneira similar, en Ortoñiño actuouse en catro espazos. Por unha banda, mellorouse a capa de rodaxe dun dos treitos e reparáronse as fochancas. Nos interiores, substituíuse o pavimento cun novo formado por formigón e adoquíns, baixo a que se executou unha nova rede de pluviais. Por último, limpáronse as cunetas e pintáronse novas marcas viarias nos accesos.

Continuación do carril bici entre o CEIP Agro do Muíño e Bertamiráns

Ademais, na subida dende a DP-0205 ata As Cortes canalizouse unha cuneta con formigón, de xeito que se posibilite a continuación do carril bici que vén dende á Condomiña. Con esta prolongación preténdese facilitar a conexión das inmediacións do CEIP Agro do Muíño e das Cortes con Bertamiráns.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, sinalou que esta obra “é un claro exemplo de como se está actuando nos interiores dos núcleos, que se están axeitando con formigón e adoquíns acorde co entorno rural no que se atopan, ademais de que van durar un tempo importante e con pouco mantemento”. Con respecto á continuación do carril bici, o alcalde destacou a aposta continuada do Concello de Ames “por unha mobilidade máis sostible e saudable”, e indicou que esta ampliación da senda encaixa “dentro dunha primeira fase de actuacións deste estilo”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Visita ás obras de mellora do pavimento e da drenaxe nas Cortes e a senda peonil de Maguxe"

O Goberno municipal visita as melloras executadas nos accesos e interiores de Ortoñiño e As Cortes

Multimedia

  • O Goberno municipal visita as melloras executadas nos accesos e interiores de Ortoñiño e As Cortes
  • O Goberno municipal visita as melloras executadas nos accesos e interiores de Ortoñiño e As Cortes
  • O Goberno municipal visita as melloras executadas nos accesos e interiores de Ortoñiño e As Cortes
  • O Goberno municipal visita as melloras executadas nos accesos e interiores de Ortoñiño e As Cortes