Pestanas principais

O goberno municipal visita as instalación de Trameve, entidade que se encarga de xestionar o servizo de retirada de vehículos abandonados en Ames

Mércores, 14 de decembro de 2016

[14-12-2016] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron o centro de tratamento de vehículos, Tratamento Medioambiental de Vehículos, Trameve SL, situado no polígono do Tambre, en Santiago de Compostela. Alí foron recibidos por Luís Penido, xerente desta entidade, Ramón Sestayo, vicepresidente de COGAMI, e José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal. Este centro encárgase do servizo de retirada de vehículos abandonados, que están catalogados como residuos sólidos urbanos. Durante o 2016 o Concello retirou 10 vehículos das rúas amesás. Ademais, durante este ano 19 vehículos, que estaban en tramitación, foron retirados polos seus propietarios, e hai 11 expedientes abertos, que está pendente de finalizar a súa tramitación para poder retirar ditos vehículos.

O obxectivo de dita visita foi coñecer as instalación de Trameve, unha entidade coa que dende o mes de marzo leva traballando o Concello de Ames. Deste xeito, o centro de Tratamento Medioambiental de Vehículos, Trameve SL, é o encargado de xestionar o servizo de retirada de vehículos abandonados no termo municipal de Ames. Para iso emprega unha plataforma-grúa co fin de trasladar ditos vehículos ás instalacións que ten esta empresa no polígono industrial do Tambre, en Santiago de Compostela.

O horario da prestación do servizo é de luns a venres, en horario de mañá, de 9:30 a 13:30 horas, e de tarde, de 15:00 a 19:00 horas. Esta entidade ten encomendadas as tarefas de recoller aqueles vehículos abandonados e declarados residuos sólidos urbanos (RSU) ou que estean en proceso de declaración de RSU por parte do Concello de Ames, o traslado ás súas dependencias, depósito e custodia durante cinco días naturais, tramitación de baixa, descontaminación e tratamento ecolóxico gratuíto.

Durante o 2016 o Concello, a través desta empresa, retirou 10 vehículos das rúas amesás. Ademais, durante este ano, 19 vehículos, que estaban en tramitación, foron retirados polos seus propietarios, e hai 11 expedientes abertos, que está pendente de finalizar a súa tramitación para poder retirar ditos vehículos.

Importante labor social
O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “Ames é un dos poucos concellos galegos que traballa con esta entidade que desenvolve un importante labor social. Ademais, este centro dispón de todos os certificados que marca a normativa, e o máis importante, desenvolve unha imporante labor social, favorecendo a inclusión laboral das persoas con discapacidade”.

Trameve ten 12 persoas traballando, todas elas menos unha, con discapacidade. É un centro especial de emprego sen ánimo de lucro que forma parte de Galega de Economía Social, grupo de empresas que pertencen a COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) e que teñen por finalidade contratar a persoas con discapacidade, darlles unha oportunidade laboral. Esta entidade naceu no ano 2000, a partir dun proxecto europeo, e dedícase ao despece ecolóxico de vehículos sinistrados ou fóra de uso que chegan ata as instalacións de máis de 13 mil metros cadrados situadas no polígono do Tambre. Ata a actualidade, son más de 78 mil as pezas estocadas que ten Trameve á venda e tamén, a partir deste ano, dedicase á venda de vehículos de ocasión.

Esta iniciativa é única porque cumpre tanto a función social, que favorece a inclusión laboral das persoas con discapacidade e por outro lado, coida o medio ambiente porque todos os vehículos que chegan a este centro son sometidos a un minucioso proceso de descontaminación, retirando todo o contido contaminante e que vai ser trasladado a colectores especiais de tratamento de residuos. Os vehículos que chegan a estas instalacións fano a través de particulares, aseguradoras ou concellos, como é o caso de Ames.

Colaboración en materia de accesibilidade
Por ultimo, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “dende o goberno estamos vendo a posibilidade de traballar con Trameve noutros servizos. Ademais, de cara ao vindeiro anos temos a intención de abrir novas vías de colaboración con COGAMI, tanto de cara a mellorar a atención das persoas con algún tipo de discapacidade, como para a execución de obras de mellora da accesibilidade”.