Pestanas principais

O goberno municipal ultima os pregos técnicos e administrativos do ciclo integral da auga

Sábado, 02 de abril de 2016

[02-04-2016] O goberno municipal convocou para a próxima semana unha nova xuntanza cos voceiros dos grupos municipais da corporación para abordar os últimos detalles dos pregos técnicos e administrativos que rexerán o concurso público do ciclo integral da auga. A intención é pechar os últimos detalles deste documento e levalo a pleno o antes posible neste mesmo mes de abril, para a continuación, se é aprobado polo Pleno, iniciar o proceso de licitación deste servizo. Os pregos están sendo elaborados pola empresa Idom Ingeniería y Consultoría SA.

Está previsto que o vindeiro mércores se volva a reunir a comisión do ciclo integral da auga para pechar os pregos que rexerán o concurso público de licitación dun novo contrato do servizo de saneamento e abastecemento de auga de Ames. Este grupo de traballo, que recuperou o actual goberno municipal, mantivo varias reunións dende o pasado mes de agosto, para traballar no novo modelo de xestión que rexerá este servizo.

Nunha xuntanza anterior presentouse o texto final dos devanditos pregos despois das achegas feitas polos distintos voceiros dos grupos municipais da corporación e á espera duns apuntes finais quedouse en volver a reunirse para o visto bo final. Cómpre lembrar que no pasado mes de febreiro realizouse unha reunión de traballo desta comisión, na que estiveron presentes os responsables da empresa Idom Ingeniería y Consultoría SA, para revisar o documento, facer achegas e resolver as dúbidas existentes.

Segundo explica o alcalde de Ames, José Miñones, “o proceso foi longo e tedioso pero ao fin creemos que acadamos un documento técnico e completo. Unha vez se aprobe en Pleno poderemos publicar o anuncio de licitación”. Miñones tamén agradeceu “a participación dos grupos políticos municipais e o traballo realizado na procura de mellorar estes pregos. Tamén quero agradecer aos técnicos municipais as moitas horas adicadas á realización deste documentos que permitirán mellorar o servizo que se viña prestando no noso concello”.

Sistema de tarifas da auga
Nesta nova xuntanza da comisión do ciclo integral da auga tamén se abordará a modificación das tarifas do servizo de abastecemento de auga. O goberno municipal está estudando un novo sistema de tarifas para que os abonados e abonadas deste servizo paguen pola auga que consumen reducindo o mínimo estipulado na actualidade. O obxectivo é modificar as tarifas que se pagan polo consumo mínimo de auga.

Na actualidade hai fixada unha cota mínima mensual de 15 m3, tarifa que ao goberno de Ames lle parece excesiva e inxusta para os usuarios/as, xa que non fomenta o aforro da auga, dado que paga o mesmo unha vivenda que consume 3 m3/mes que unha que consume 15 m3/mes. Coa modificación das tarifas, o goberno pretende potenciar e primar a aqueles usuarios e usuarias que aposten polo aforro da auga permitindo consecuentemente un aforro tamén no recibo.

Sobre este asunto, o rexedor municipal indica que “a maioría dos grupos municipais da corporación xa fixeron as súas achegas sobre o novo sistema de tarifas da auga e outros pediron algo máis de tempo para poder presentar as súas propostas. Independentemente diso seguiremos adiante co proceso de licitación do ciclo integral da auga ao ser un procedemento independente pero esperando ter recibida toda a documentación por parte da oposición o antes posible”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ultiman as bases para a licitación do ciclo da auga"
La Voz de Galicia: "Ames estudia la modificación de las tarifas del agua para adecuarlas más al consumo"