[19-09-2016] Este luns, 19 de setembro de 2016, comeza o curso 2016/2017 na Escola Municipal de Música de Ames con 220 nenos/as e adultos matriculados. Previamente, o pasado venres 16 de setembro celebrouse unha xornada de portas abertas e unha reunión informativa sobre o inicio do curso. O concelleiro de Educación Cultura explicoulles aos asistentes a dita xuntanza que o goberno municipal está traballando para dotar dun espazo propio e exclusivo á escola de música co obxectivo de dar de alta a EMMA no rexistro de Escolas de Música e Danza de Galicia. Ademais, puxo en valor o traballo que realizan os profesores/as da escola de música amesá.
A Escola Municipal de Música de Ames bota a andar un ano máis con 220 alumnos/as. Durante este curso impartiranse clases de música e movemento, para o alumnado de 4 a 6 anos, así como de diferentes instrumentos como violín, saxofón, batería e percusión, frauta traveseira, piano, guitarra, canto e linguaxe musical. Tamén hai clases de musica na practica para alumnos/as que remataran todos os cursos de linguaxe musical e de linguaxe musical para adultos. Asemade, hai grupos de combos e agrupacións de case todos os instrumentos (como por exemplo de frauta e violín) que están formadas por aqueles alumnos/as que levan máis tempo na EMMA.
Previamente, o pasado venres, 16 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro de usos múltiples de Aldea Nova realizouse unha reunión informativa de inicio de curso e unha xornada de portas abertas da Escola Municipal de Musica de Ames. En dita xuntanza, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “o goberno municipal aposta claramente pola continuidade da Escola Municipal de Música de Ames. Para iso estamos traballando coa intención de realizar unha serie de actuacións encamiñadas a potenciar este servizo municipal, que permita incrementar o número de prazas dispoñibles na escola”.
Deste xeito, segundo explicou Santomil “este ano realizouse a regularización contractual do edificio no que están situadas as instalacións da EMMA e estase buscando un espazo acotado e exclusivo para este servizo municipal. Tamén se está traballando para incluír dito servizo no rexistro de Escolas de Música e Danza de Galicia”. Ademais, o concelleiro puxo en valor o traballo que realizan os profesores/as da escola de música de Ames e destacou que “vai existir unha continuidade no profesorado xa que son un dos principais valores que ten a EMMA”.
Os novos alumnos/as de linguaxe musical terán unha reunión informativa coa súa mestra sobre material, funcionamento, organización, etc. desta materia o venres 23 de setembro, ás 19:30 horas, na aula 7 do Centro de usos múltiples de Aldea Nova. Ademais, cómpre destacar que este ano o alumnado de percusión disporá dunha aula de maiores dimensións.
Proceso de participación e consulta
Por outra banda, o concelleiro de Educación e Cultura lembrou que “o pasado curso iniciouse un proceso de consulta con pais/nais, profesores/as e grupos políticos para definir o modelo de xestión da Escola Municipal de Música de Ames. A través deste proceso de participación e consulta pretendemos saber o tipo de escola que queremos desenvolver e como debe funcionar. O noso obxectivo é definir o modelo de xestión que queremos implantar de cara ao curso 2017-2018”.
A intención do goberno municipal é facer unha consulta doutros modelos de xestión que hai noutros concellos da contorna e que poden consolidar a actividade da EMMA, así como incrementar a oferta existente. Santomil incide en que “ata o de agora regularizamos a situación dos locais onde se imparten as clases da escola de música, compramos diverso material que era necesario e executáronse traballos de mellora na cuberta do Centro de usos múltiples de Aldea Nova, así como se solucionaron os problemas de humidade que existían nestas instalacións”.




