[25-01-2018] No pasado mes de novembro de 2017 o goberno municipal comezou a negociar co grupo municipal de Ames Novo a elaboración do borrador do Orzamento de 2018. Froito de dita negociación chegaron a un acordo para aprobar, no pasado pleno ordinario de novembro, a cancelación do Plan de Axuste e a amortización da débeda bancaria. Asemade, esta mesma semana a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, vén de enviarlle ao resto de grupos políticos da oposición un escrito instándoos a que presenten as achegas que consideren oportunas para estudalas, debatelas e, de ser o caso, incluílas no borrador. O obxectivo do goberno municipal é alcanzar o máximo consenso posible na elaboración de dito presuposto.
Desde a Concellería de Economía e Facenda están traballando dende finais de 2017 no borrador de Orzamentos do 2018. Debido a iso acaban de abrir un prazo para que os grupos municipais de pacto por Ames, Partido Popular e mailo concelleiro non adscrito, Javier López, poidan presentar as propostas que estimen oportunas, para que posteriormente, poidan ser estudadas, debatidas e, de ser o caso, incluílas no borrador. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “para o grupo de goberno é unha prioridade aprobar os Orzamentos do 2018 e por iso estamos a adicar todo o noso esforzo esperando poder aprobalo cando menos neste primeiro trimestre de ano. Sería importante que as achegas nolas fixeran chegar antes de 15 días, aínda que non é un prazo pechado”.
Cómpre lembrar que o proceso de negociación para elaborar o borrador de Orzamentos de 2018 xa se inicio no pasado mes de novembro de 2017. Nese momento o goberno municipal comezou a falar cos membros do grupo municipal de Ames Novo, co que se alcanzou un acordo para cancelar o Plan de Axuste (2012-2022) en virtude dos datos da liquidación do exercicio 2016, que contaba cun superávit de 3.365.952,25 euros e remanente de tesourería de 5.774.350,42 euros, e ao total da débeda bancaria do Concello de Ames que ascendería a finais de ano a 2.774.350,42 euros.
Genma Otero tamén apuntou que “a aprobación do Orzamento de 2018 é unha das nosas prioridades e esperamos telo neste primeiro trimestre de ano. Xa iniciamos a negociación coa formación Ames Novo a finais de ano e acadamos acordos importantes como foi a amortización total da débeda bancaria e a eliminación do Plan de Axuste 2012-2022 aprobado polo PP tan gravoso para o noso Concello. Amosamos a nosa disposición de diálogo invitando ao resto dos grupos da oposición a que fagan as súas achegas para poder estudalas e debatelas, pois o obxectivo é conseguir o máximo consenso na aprobación destes orzamentos”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El gobierno amiense pide a la oposición sus propuestas para los presupuestos"




