Pestanas principais

O goberno municipal traballa na creación dunha Agrupación de voluntarios de Protección Civil

Sábado, 01 de abril de 2017

[01-04-2017] O alcalde de Ames, Jose Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron esta semana unha xuntanza co subdirector xeral de planificación e protección civil, José Antonio Grandas Arias, e co xefe do servizo de emerxencias do departamento territorial da Coruña, Víctor M. Vázquez Pérez, para coñecer de primeira man os pasos que ten que dar o Concello de Ames co obxectivo de crear unha Agrupación de voluntarios de Protección Civil. Tratouse dunha primeira toma de contacto de cara a iniciar os trámites de dito proceso.

O rexedor municipal explica que “o concello de Ames ao pasar dos 20.000 habitantes está obrigado por lei a dispor deste servizo, polo que dende este goberno municipal existe un interese real e a vontade necesaria para traballar nesta dirección e cumprir coa legalidade. Para iso esta mesma semana reunímonos na Casa do Concello co subdirector xeral de planificación e protección civil, José Antonio Grandas Arias, e co xefe do servizo de emerxencias do departamento territorial da Coruña, Víctor M. Vázquez Pérez, para coñecer os tramites que temos que realizar co fin de dispor dunha Agrupación de voluntarios de Protección Civil”.

Segundo se desprende de dita reunión existen dúas alternativas para dispor deste servizo: unha é que os voluntarios de forma individual creen unha asociación, e outra consiste en que sexa o propio Concello o que baixo a súa tutela cree dita asociación de protección civil. Neste caso, o goberno municipal quere apostar pola segunda opción, para que sexa o Concello de Ames o que dirixa e se encargue da constitución desta agrupación.

Dende o servizo de emerxencias do departamento territorial da Coruña remitíuselle ao Concello de Ames un modelo de regulamento básico para a constitución deste servizo. Agora, o obxectivo é ver os trámites necesarios que hai que realizar e traballar na elaboración de dito regulamento. Unha vez haxa un borrador enviaráselle aos grupos políticos con representación na corporación municipal para que fagan as súas achegas para posteriormente levalo a Pleno.

Dende o Concello farase un estudo de custes e mesmo mirarase a posibilidade de facelo en colaboración con outros Concellos para acadar maiores subvencións de material e infraestrutura. O Concello de Ames conta co espazo necesario e idóneo para a sede desta agrupación e nestes primeiros trámites buscarase coñecer con detalle todas os requisitos necesarios.

Por último, Miñones explica que “posteriormente publicarase un comunicado para que todas aquelas persoas que estean interesadas se unan a esta agrupación como voluntarios e voluntarias co fin de prestar axuda en materia de emerxencias, incendios forestais, tráfico e outros eventos municipais (deportivos, culturais, etc) que se desenvolven ao longo do ano”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames traballa na creación da asociación de Protección Civil"
La Voz de Galicia: "Ames inicia el proceso para constituir una agrupación de Protección Civil"