[06-02-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron esta semana as instalacións da Escola de Educación infantil do Milladoiro, situada na Travesía do Porto, para ver as deficiencias que presenta este centro escolar e intentar solucionalas o máis axiña posible. Os membros do goberno municipal foron recibidos pola directora e pola secretaria do colexio.
As autoridades municipais acompañadas da directora e secretaria do centro visitaron o patio interior do colexio para ver os problemas de entrada de auga que teñen cando chove con intensidade. Para intentar solucionar este problema o goberno municipal propúxolle á dirección do centro colocar unhas lonas nos laterais das zonas cubertas do patio para evitar a entrada de auga e que así non se mollen os rapaces e rapazas. Para realizar está actuación, que correrá a cargo do propio Concello, xa se solicitaron varios presupostos a diferentes empresas.
Por parte do Concello tamén se comprometeron coa dirección do centro a realizar varios traballos de mantemento como son desatascar as arquetas de desaugue e cambiar algunhas das reixas destas arquetas xa que están deterioradas. Tamén se vai habilitar unha zona de horta no lateral do colexio e para elo xa se colocaron varias billas de auga.
O departamento municipal de Educación está elaborando un informe técnico para trasladarllo á Consellería sobre as necesidades educativas que presenta a EEI do Milladoiro e outros centros de ensino público de Ames.
Colocación dun parque infantil no patio interior
Dende a apertura deste colexio en setembro de 2007 está pendente de colocar un parque infantil no patio interior. O actual goberno municipal comprometeuse a solicitarlle á Xunta de Galicia que instale os diferentes elementos deste parque, que están gardados na propia escola sen poder ser empregados, xunto ao areeiro. Asemade, váiselle trasladar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as deficiencias estruturais que presenta o edificio e os puntos nos que se producen filtracións de auga.
Outra das demandas é para que se realice unha obra de seguridade xa que unha zona alta, que está situada xunto ao ximnasio, estase empregando como almacén. Este é un espazo aberto co conseguinte perigo que ocasiona esta circunstancia. Esta é outra das deficiencias que o Concello lle trasladará á Xunta de Galicia.O goberno municipal pretende asinar un convenio coa Administración autonómica para poder solucionar todas estas deficiencias.
Comunicación fluída coas ANPAS e centros escolares
Tanto o alcalde como o concelleiro de Educación e Cultura salientaron que lle comunicarán estas incidencias á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que as arranxen o antes posible. Así mesmo dende o goberno municipal tamén destacan que hai unha comunicación continúa e fluída coas ANPAS e cos centros escolares para intentar mellorar calquera incendia que se detecte.
Ademais, o goberno municipal convocou a toda a comunidade educativa (ANPAS direccións dos centros de ensino) e aos grupos políticos con representación na corporación a unha xuntanza o vindeiro luns, 15 de febreiro, para traballar conxuntamente no consello escolar municipal e no mapa de necesidades educativas para o próximo curso 2016-2017.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Piden mejoras a la Xunta para la EEI do Milladoiro"