Pestanas principais

O goberno municipal solicítalle á Xunta de Galicia que avance nos compromisos de investimento nos centros educativos e unha mellora no convenio de xestión dos comedores escolares

Sábado, 01 de abril de 2017

[01-04-2017] No mes de maio de 2016 a Xunta de Galicia comprometeu un investimento de 1,1 millóns de euros para a ampliación e mellora dos centros educativos CEIP Agro do Muíño e IES de Ames, situados en Bertamiráns, froito dunha xuntanza que o goberno municipal mantivo coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta liña, coa finalidade de reforzar a ESO, a Consellería comprometeuse a incorporar seis novas aulas no IES de Bertamiráns, tres delas xunto coa cuberta do patio interior neste curso 2016-17, xa rematadas, e outras tres para o curso 2017-18, cun orzamento total próximo aos 700.000 euros. Así mesmo, no CEIP Agro do Muíño, a Consellería iniciou a construción de tres novas aulas nunha primeira fase neste curso escolar, coa previsión de construír seis máis nunha segunda fase, polo que se dotará ao centro dunha liña escolar máis. Para esta primeira fase destináronse 343.000 euros.

O goberno municipal de Ames segue a valorar positivamente o compromiso de investimento realizado pola Consellería, pero solicita que se inicie de inmediato a segunda fase de ampliación do IES de Ames e que ambas institucións avancen na posta a disposición dos terreos necesarios para a seguinte fase de ampliación do CEIP Agro do Muíño.

O 14 de marzo deste ano, o goberno municipal enviou un escrito dirixido ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, solicitando unha xuntanza para avanzar en ditos compromisos e realizar un seguimento das obras nos dous centros escolares, ademais de realizar unha previsión para a posta a disposición de parcelas para futuras ampliacións e para a construción dun novo CEIP no Milladoiro, conscientes do incremento demográfico e da poboación en idade escolar no concello de Ames.

Revisión do convenio de xestión dos comedores escolares de Ames
No escrito enviado á Consellería o goberno municipal tamén solicita a revisión e renovación do convenio de xestión dos comedores escolares en cinco centros educativos públicos (CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEIP Barouta, CEP Ventín e EEI Milladoiro) que finaliza neste curso escolar. O novo convenio, do que xa se avanzaron ao Servizo de Xestión de Comedores Escolares da Xunta de Galicia os datos de previsión de prazas, debe recoller a achega realizada pola Consellería para a xestión dos comedores nos dous próximos cursos escolares 2017/18 e 2018/19.

Neste senso, o concelleiro de Educación e Cultura do Concello de Ames, David Santomil, manifesta que "a Xunta de Galicia debe ser consciente de que este servizo de competencia autonómica está a ser desenvolvido con excelencia e de forma directa no Concello de Ames, polo que solicita un incremento da achega realizada pola Consellería". "O orzamento municipal deste servizo supera os 1,5 millóns de euros anuais, dos cales a Consellería asignou no pasado ano 2016 un total de 90.780 euros, o que supón menos do 6% do custo total, que debe incrementarse", engade Santomil.

O número máximo de prazas no servizo municipal de comedores escolares de Ames está establecido en 1.254 para os próximos dous cursos escolares, en previsión do incremento motivado pola ampliación do CEIP Agro do Muíño e da crecente solicitude de matrícula nos comedores escolares, froito dun maior volume de alumnado nos colexios de infantil e primaria do concello de Ames. Actualmente, un de cada dous nenos e nenas escolarizados nos centros de ensino público solicita praza nos comedores escolares, o que xustifica a necesidade de incrementar o orzamento destinado á conciliación da vida laboral e familiar e, en particular, do servizo de comedores escolares.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames reclama a la Xunta los compromisos para ampliar plazas y servicios educativos"