Pestanas principais

O goberno municipal solicítalle á Xunta de Galicia a ampliación da EDAR de Sisalde e maila ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens

Sábado, 03 de marzo de 2018

O alcalde de Ames, José Miñones, vén de enviarlle un escrito á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, así como ao director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, nos que lle solicita a ampliación da depuradora de Sisalde, que foi creada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes, pero que na actualidade está prestando servizo a 23.500 persoas. Asemade, solicítase copia do proxecto de ampliación de dita estación depuradora, así como a ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens para poder estender o servizo á localidade do Milladoiro.

En ambos escritos solicítase a ampliación da EDAR de Sisalde, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita depuradora, que está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001 e foi deseñada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes. No ano 2007, a empresa concesionaria do Ciclo integral da auga de Ames, fixo un informe sobre o estado da EDAR de Sisalde no que dicía que se estaba prestando servizo a uns 18.000 habitantes. Isto supoña sobrepasar nun 80% á poboación inicial que estaba previsto atender. Posteriormente, no ano 2017, a empresa concesionaria volve a facer un informe no que se indica que na actualidade a poboación á que está atendendo esta EDAR é de 23.500 habitantes. No devandito informe recóllese a necesidade urxente de construír unha nova EDAR.

Ademais, no escrito enviado ao director de Augas de Galicia incídese en que dende hai varios anos vense falando da elaboración dun anteproxecto para a ampliación da EDAR de Sisalde porque esta planta está saturada, tal e como indican todos os informes técnicos redactados pola empresa concesionaria, os técnicos municipais e incluso os de de Augas de Galicia. Xa no ano 2012 o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, dixo que ao longo de 2012 Augas de Galicia tería “rematado a redacción do proxecto de ampliación da estación depuradora de augas residuais”.

Así mesmo, o 16 de outubro de 2014, por parte do departamento de obras de Augas de Galicia infórmase ao Concello de Ames que “Augas de Galicia está a redactar o proxecto construtivo que desenvolve dito anteproxecto”. Posteriormente, o 16 de febreiro de 2015 publicouse no DOG o remate da tramitación do informe de impacto ambiental, e desde esa data non se volveu a ter máis información sobre as tramitacións relativas a este proxecto, nin tampouco se recibiu no Concello de Ames copia do proxecto de ampliación. Devido a iso, dende o goberno municipal solicitan unha copia do proxecto de ampliación de dita estación depuradora.

O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “debido a que xa transcorreron tres anos desde a última nova relacionada coa ampliación da EDAR de Sisalde, a cal debemos de recordar que atende a usuarios e usuarias de dous concellos, en concreto, ademais de Ames, ao concello de Brión, considero que é oportuno coñecer o estado no que se atopa esta ampliación comprometida non só por Augas de Galicia, senón tamén pola propia Consellería de Medio Ambiente no seu momento”.

Ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens
Por outra banda, solicítaselle á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens. Esta estación potabilizadora, que comezou a funcionar en xuño de 2016, tamén abastece aos concellos de Ames e Brión. Dita ETAP está preparada para atender a unha poboación de 40.000 habitantes, aínda que na actualidade atende a menos de 20.000, xa que no proxecto da mesma non se contemplou a posibilidade de realizar a canalización necesaria para levar auga potable ata O Milladoiro e o seu entorno, o principal núcleo de Ames.

Por último, José Miñones, explica que “no acto de inauguración da EDAR de Lens, os técnicos da Consellería e de Augas de Galicia quedaron en estudar e valorar a posibilidade de ampliar o servizo de abastecemento ata O Milladoiro, pero na actualidade o Concello de Ames segue comprándolle a auga a Santiago para abastecer a zona do Milladoiro, o núcleo máis poboado do termo municipal con preto de 13.000 habitantes, e polo tanto a <fabricación> de auga potable na ETAP de Lens ten un valor máis elevado do que lle correspondería se abastecera a todo o concello amesán”.

Contido relacionado:

El Correo Gallego: "Ames pide traída para O Milladoiro y que se amplíe la depuradora"
La Voz de Galicia: "Ames reclama la ampliación de la depuradora de Sisalde"
Compostela 24 horas: "El Concello de Ames solicita a la Xunta de Galicia la ampliación del EDAR de Sisalde"

EDAR de Sisalde