Pestanas principais

O goberno municipal solicítalle á Secretaria Xeral para o Deporte fondos para a ampliación do pavillón de Bertamiráns

Sábado, 07 de outubro de 2017

[07-10-2017] Este venres, 6 de outubro, o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, mantivo unha xuntanza coa Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez Telle. En dita reunión falouse da presentación do plan municipal deportivo, da relación dos investimentos realizados en materia deportiva dende 2015, así como dos que se están executando na actualidade. O rexedor municipal presentoulle o proxecto de ampliación do pavillón de Bertamiráns, que ascende a medio millón de euros, e falaron da busca de instalacións para a práctica do atletismo.

En primeiro lugar avanzouse información sobre o estudio do deporte de Ames e do plan municipal deportivo que se está realizando dende a Concellaría de Deportes. Este plan será presentado publicamente no vindeiro mes de novembro. Os datos extrapolados deste estudio amosan o grao de ocupación das instalacións municipais deportivas e o elevado número de usuarios/as que na actualidade practican algunha actividade deportiva no concello amesán de forma autónoma, dentro das escolas deportivas municipais ou a través das actividades que ofertan os clubs deportivos de Ames.  

O rexedor municipal invitou á Secretaria Xeral para que estea presente o día da presentación do plan municipal deportivo. En dito documento tamén se fai unha relación dos investimentos realizados dende 2015, así como dos que se están executando na actualidade. Despois do análise da situación actual tamén se recollen as necesidades máis urxentes e a planificación dos investimentos que debería acometer o Concello a curto, medio e longo prazo.  

Relacionado con este tema, a reunión coa secretaria xeral para o Deporte tamén serviu para solicitarlle axuda económica, para a realización da necesidade máis urxente que presenta o concello na actualidade no eido deportivo, que é a construción dun pavillón polideportivo. Esta petición é solicitada continuamente nos consellos municipais de deporte.  

Deste xeito, presentouse o proxecto de ampliación do pavillón de Bertamiráns, que ascende a medio millón de euros e que solucionaría os problemas de falta de espazos deportivos que existen na actualidade. A construción desta infraestrutura aliviaría a carga de horas actuais en Bertamiráns, permitindo ampliar as horas das actividades máis demandadas e que comparten espazo, como son patinaxe, voleibol, fútbol sala ou baloncesto. Ademais, este espazo serviría para albergar distintas competicións e eventos durante as fins de semana.  

Dende a Secretaría Xeral para o Deporte trasladouse a dificultade no cofinanciamento desta obra xa que as axudas que se están a dar son moito menores. Miñones fixo fincapé na característica da poboación xoven do concello amesán, o máis xoven de Galicia, así como no continuo crecemento de poboación que ten Ames. Recordouse que a instalación actual da cobertura tamén ao IES de Ames como zona para realizar ximnasia e polo tanto a posibilidade de ser compartidos os fondos entre a Consellería de Educación e a Secretaría Xeral, xunto co Concello que tamén asumiría algún coste.  

Instalacións para a práctica do atletismo
O último tema do que se falou foi das instalacións para a práctica do atletismo. Miñones expuxo os problemas do Millaraio á hora de adestrar e a falta de instalacións para os máis de 150 rapaces e rapazas. O alcalde solicitou a mediación da Secretaría para solucionar os problemas actuais na cesión da parcela que se dedicará á práctica de atletismo, así como da necesidade de apoio da Xunta para levar a bo porto o investimento que o Concello está a ter na parcela de Biduído para a práctica do atletismo.  

Dende a Secretaría Xeral interesáronse pola situación e solicitouse a información detallada para tratar de solucionar os problemas existentes. O Concello trasladará estes días dita documentación para resolver canto antes a situación. O alcalde informou que trasladará a solicitude de financiamento de xeito oficial por escrito o próximo luns recordando que Ames non acadou cantidade algunha nos últimos convenios asinados pola secretaría que ascenden aos 2 millóns de euros dende o ultimo cuadrimestre do 2016.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames pide fondos para atender la demanda de usuarios del pabellón deportivo Bertamiráns"