[11-06-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, mantiveron esta semana unha xuntanza co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, en San Caetano, co obxectivo de repasar a situación actual do Concello e os principais programas que a Xunta de Galicia está desenvolvendo en Ames no eido social. Ademais, falaron da situación actual dos servizos sociais que se ofrecen dende o municipio amesán.
O Concello de Ames conta a día de hoxe cunha poboación de 30.851 habitantes. É o concello máis xove de Galicia cunha media de idade de 37,8 anos, ademais de ser o municipio con mellor saldo vexetativo de Galicia. A poboación está repartida en once parroquias: Agrón, Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte, con dous grandes núcleos de poboación: Milladoiro e Bertamiráns. A distancia e as dificultades de comunicación entre ambos núcleos fan necesaria a existencia de dúas U.T.S., unha en cada núcleo urbano co esforzo orzamentario que iso implica para o goberno municipal.
A U.T.S. de Bertamiráns está composta por dúas traballadoras sociais, e unha educadora familiar. A súa área de acción comprende o núcleo de Bertamiráns e mailas parroquias de Agrón, Ameixenda, Ames, Ortoño, Covas, Lens, Piñeiro, Tapia e Trasmonte, prestando atención a unha poboación aproximada de 15.000 habitantes. Segundo constan nos datos aportados no Plan Concertado, durante o ano 2015, atendéronse mediante cita previa unhas 1.279 persoas.
A U.T.S. do Milladoiro actualmente está composta por dúas traballadoras sociais dedicadas a atención comunitaria, un traballador social adicado a Servizo de Axuda no Fogar e unha educadora familiar a media xornada. A área desta U.T.S. comprende o núcleo do Milladoiro e as parroquias de Biduído e Bugallido, dando atención a unha poboación aproximada de 15.700 habitantes. Segundo os datos aportados ao Plan Concertado no ano 2015 realizáronse aproximadamente 1.878 atencións con cita previa.
A estas atencións hai que sumarlles as emerxencias e as persoas que se atenden sen cita previa. A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, explica que “estamos rexistrando un aumento no número de atencións, que ademais cada vez son máis complexas dadas as circunstancias socio-económicas que estamos a vivir e as características das intervencións, sobre todo no núcleo do Milladoiro”.
Novas vías de colaboración para a mellora dos servizos sociais
A reunión co conselleiro de Política Social serviu para afianzar as liñas de colaboración entre as administracións autonómica e a local. Deste xeito, o conselleiro e o rexedor amesán abordaron a posibilidade de explorar novas vías de colaboración para a mellora da carteira de servizos sociais que existe na actualidade no Concello de Ames. O goberno municipal solicitoulle ao representante da Xunta un incremento de persoal das unidades básicas de traballo social.
A demanda realizada polo executivo local está motivada pola necesidade de rebaixar o tempo de atención e ante o elevado número de asistencias rexistradas o ano pasado, superando as 3.000 entre os dous núcleos. O goberno salientou que Ames conta cunha casuística moi excepcional e cunha poboación por núcleo que ben podería ser considerada como dous concellos independentes. Rey Varela admitiu a particular situación de Ames e comprometeuse a estudar a posibilidade de incorporar novo persoal que alivie a carga de traballo actual. Para o goberno local a asistencia social é un dos eixes principais do programa e sobre o que se están a volcar as iniciativas e solicitudes como a presente.
Na área de dependencia, destaca o incremento de 1.111 horas no Servizo de Axuda no Fogar, incrementando así o número total de horas a 3.390 das que se benefician 49 usuarios/as e para os que o Concello fará un maior esforzo económico.
O alcalde de Ames, José Miñones explica que “a valoración desta xuntanza é moi positiva, xa que se teñen en conta as peculiaridades do noso concello. Coincidimos tamén en que a vía para garantir unhas verdadeiras políticas sociais é a da acción conxunta entre administracións, para a optimización de recursos, de xeito que redunden na mellora do benestar dos amesáns máis desfavorecidos e nunha mellor atención aos usuarios e usuarias dos nosos Servizos Sociais”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El municipio más joven de Galicia pide refuerzos en Servizos Sociais"