Pestanas principais

O goberno municipal solicita unha xuntanza coa ministra de Fomento

Sábado, 21 de novembro de 2015

[21-11-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, acaba de enviarlle unha carta á ministra de Fomento, Ana Pastor, solicitándolle unha reunión de traballo para buscar unha alternativa e intentar evitar a gran cantidade de tráfico rodado que soporta a N-550 ao seu paso polo Milladoiro. Dende hai máis de 20 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 30.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil.

O tramo da N-550 ao seu paso polo Milladoiro soporta unha alta densidade de tráfico achegándose aos 30.000 vehículos, dos cales máis do 10% son vehículos pesados. Estas circunstancias fan necesario dispor dun estudo que contemple unha alternativa ao actual trazado da N-550, e que absorba a maior parte do tráfico neste tramo. Deste xeito, afastaríase a circulación rodada da avenida Rosalía de Castro ao seu paso polo Milladoiro.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “o noso concello arrastra un problema importante causado pola estrada Nacional 550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro, ao cal hai anos que se lle está buscando unha solución. Debido a iso, esta localidade que conta con máis de 15.000 habitantes, está partida en dúas partes. Dende hai máis de 20 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá, cun denso tráfico, e cunha media de 30.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil”.

Esta estrada é de competencia nacional polo que o rexedor municipal solicitoulle por carta unha reunión de traballo á ministra de Fomento, Ana Pastor, e aos técnicos do seu departamento. Por último, Miñones indica que se “trata dunha importante reclamación que levan facendo os veciños e veciñas do Milladoiro, polo que considero importante poder acordar entre ambas administracións unha posible solución a este problema”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Miñones solicita una entrevista con Fomento para abordar el tráfico en la N-550"
El Correo Gallego: "Buscan solución para el tráfico de O Milladoiro"