Pestanas principais

O goberno municipal solicita unha reunión coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para limitar o tráfico rodado pola N-550 ao seu paso polo Milladoiro

Venres, 01 de xaneiro de 2016

[01-01-2016] O goberno municipal vén de recibir contestación á carta enviada o pasado 12 de novembro á ministra de Fomento, Ana Pastor, solicitándolle unha reunión de traballo para buscar unha alternativa e intentar evitar a gran cantidade de tráfico rodado que soporta a N-550 ao seu paso polo Milladoiro. Dende hai máis de 20 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 30.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil.

Dende o Ministerio de Fomento son conscientes desta problemática e segundo explican na carta enviada ao Concello de Ames están traballando en coordinación coa Dirección Xeral de Tráfico e coa Xunta de Galicia, para limitar o tráfico de vehículos pesados na travesía de Rosalía de Castro, mediante o desvío obrigatorio dos vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas dende a SC-20 cara a autoestrada AG-56 e ao corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas, situada na N-550.

Ademais, segundo indican dende o Goberno do Estado esta medida suporá, sen dúbida, unha mellora nas condicións de circulación e da seguridade viaria na travesía de Rosalía de Castro do Milladoiro. Asemade, convídase ao goberno municipal a falar cos técnicos da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para abordar este asunto con maior profundidade.

O alcalde de Ames, José Miñones, recolle a proposta do Ministerio de Fomento e indica que “solicitaremos unha reunión urxente coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia co obxectivo de coñecer en que estado se atopa esta proposta, os prazos que existen para aplicar esta medida, como se vai a desenvolver e a estimación de vehículos que se van ver afectados por esta iniciativa do Goberno do Estado”.

O rexedor municipal incide en que “para nós esta é unha medida provisional porque cremos que hai que buscarlle unha solución real a este problema que teñen todos os veciños e veciñas do Milladoiro. Dende hai máis de 20 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá, cun denso tráfico, e cunha media de 30.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil. Debido a iso, esta localidade que conta con máis de 15.000 habitantes, está partida en dúas partes”.

Senda peonil entre O Milladoiro e Santiago
Outro dos asuntos que se pretende abordar na xuntanza cos técnicos da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia é a posibilidade de executar unha senda peonil entre O Milladoiro e Santiago. Esta tema xa se tratou na xuntanza que mantiveron no pasado mes de setembro os alcaldes de Ames, José Miñones, e de Santiago, Martiño Noriega.

Segundo explica o propio Miñones “cremos que esta senda peonil é fundamental para a veciñanza do Milladoiro xa que podería desprazarse andando ata Santiago. Este proxecto ten que nacer do consenso político entre ambos concellos”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames pide a Carreteras conocer el estado de la solución para la N-550"
La Voz de Galicia: "Fomento vende el mismo plan de hace un año para el tráfico de Milladoiro"