[29-09-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron esta tarde unha xuntanza co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nos edificios administrativos de San Caetano, en Santiago de Compostela. Tralas conversas mantidas co vicepresidente da Xunta, dende o goberno municipal indican que van a segregar a parcela do Milladoiro, que está destinada ao parque comarcal de bombeiros, como posible solución para o centro de saúde do Milladoiro.
Dende o goberno municipal destacan que “a reunión foi positiva e que discorreu nun ambiente distendido e produtivo”. Un dos principais asuntos que se abordaron esta tarde foi a necesidade e a urxencia de construír un novo centro de saúde no Milladoiro. Para iso dende o goberno municipal barallaron varias parcelas para destinar a este fin. Unha delas é a que está actualmente cedida á Consellería de Presidencia para a construción dun parque de bombeiros.
Deste xeito, o rexedor municipal preguntoulle ao vicepresidente pola posibilidade de que siga adiante o proxecto do parque comarcal de bombeiros. Dende a Xunta aseguraron que esa posibilidade aínda existe, e non negaron que no futuro se poida construír nesa parcela. Debido a iso, dende o goberno local indican que “non van a renunciar a ningunha das dúas infraestruturas, polo que o máis axeitado nestes intres é segregar este terreo, para destinar unha parcela ao parque comarcal de bombeiros e outra á construción do novo centro de saúde do Milladoiro”.
Vanse anexar dúas parcelas ao terreo de Galdrachán
Cómpre lembrar que no pleno de outubro de 2008, o Concello de Ames aprobou a cesión gratuíta á Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta de Galicia dunha parcela duns 4.669,39 metros. O terreo, coñecido como “Galdrachán”, está destinado á construción do parque comarcal de bombeiros no Milladoiro. A idea que ten o goberno de Ames é anexar dúas parcelas máis, que son de titularidade municipal e que suman arredor de 1.000 metros cadrados, ao terreo de 4.669,39 metros cadrados que está cedido á Consellería de Presidencia para a construción dun parque de bombeiros. Deste xeito, disporíase dun terreo de 5.669,39 metros, que se podería segregar para albergar as dúas infraestruturas.
Por outra banda, o rexedor municipal tamén lle dou traslado ao vicepresidente da Xunta da carta enviada recentemente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, onde se detallan as necesidades que ten o municipio de Ames para que se teñan en conta á hora de elaborar os orzamentos de 2016. José Miñones agarda que “nos vindeiros orzamentos da Xunta se teña en conta as necesidades que ten o noso municipio porque en 2015 non se presupostou nada de investimento para Ames”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Una parte de la parcela de los bomberos en Milladoiro acogerá el centro de salud"
El Correo Gallego: "Ames tendrá que segregar la parcela para el centro de salud y los bomberos"