Pestanas principais

O goberno municipal reúnese cos representantes do persoal para negociar a actualización da Relación de Postos de Traballo do Concello de Ames

Martes, 12 de abril de 2016

[12-04-2016] O goberno municipal vén de reunirse cos representantes do persoal do Concello de Ames para negociar a actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT). Nesta comisión participaron o rexedor municipal, a concelleira de Economía e Facenda, o concelleiro de Educación e Cultura, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos e o asesor do Concello, que se está ocupando da actualización da RPT. Neste primeiro encontro o goberno presentou unha proposta inicial coa definición dos obxectivos e criterios técnicos e legais que se poden aplicar á devandita actualización da RPT.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “se trata dunha modificación transitoria de mínimos da Relación de Postos de Traballo. Nunha primeira fase preténdese actualizar este documento para poder aprobar os novos orzamentos. Posteriormente, abordarse unha segunda fase na que se fará unha revisión moito máis profunda. Esta actualización da RPT está limitada pola lexislación estatal, que restrinxe as novas contratacións, e limita ao 1% o incremento das retribucións do persoal. Ademais é unha RPT transitoria, xa que se trata de adecuar os postos ás normativas e legalidades existentes, para logo nunha segunda fase entrar mais no detalle. Por último trátase dunha RPT de obrigado cumprimento que haberá que adaptar á normativa vixente”.

Miñones engade que “este primeiro documento presentado na comisión aos representantes do persoal é unha RPT de mínimos, que permita a adecuación á realidade dos postos que levan case 10 anos sen actualizarse. Trátase dunha RPT condicionada polas normativas existentes, que provocan a imposibilidade de contratación por parte da administración mais alá da taxa de reposición, que actualmente é de 1 e polo límite imposto do 1% no referente a retribución, que este ano xa se está a cumprir por parte do goberno coa suba salarial do 1%, que se aplica na nómina dende o 1 de xaneiro e que para as arcas municipais supón un incremento de preto de 70.000 euros”.

Neste primeiro encontro o goberno presentoulle a parte sindical unha proposta inicial coa definición dos obxectivos e criterios técnicos e legais que se poden aplicar na actualización da RPT. Durante os vindeiros días o goberno enviaralle aos representantes do persoal un borrador coa proposta de actualización da RPT, para que a estuden antes da vindeira reunión da comisión de traballo. O obxectivo é que na próxima reunión xa se poida falar de temas concretos e chegar a un acordo o antes posible co fin de tramitar o novo orzamento.

A actual RPT foi aprobada en 2007
Cómpre lembrar que a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames foi aprobada no ano 2007 e desde entón non houbo ningunha revisión nin modificación posterior a pesares das esixencias legais de adaptación de dita RPT aos contidos e circunstancias das necesidades reais do Concello en material de persoal.

A necesidade urxente de aprobación dun novo orzamento, que leva prorrogado desde o 2012, e a recente entrada en vigor da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que ten unha incidencia directa no que se refire á xestión do emprego público local, e no tocante á elaboración da RPT, esixe que todos os postos que figuren na RPT estean dotados de orzamento.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “atopámonos coa dificultade de que a RPT do 2007 non se axusta á realidade municipal e por iso, estamos a negociar cos representantes do persoal a modificación urxente dunha RPT de mínimos, co compromiso de negociar nunha segunda fase esta RPT en maior profundidade”.

Por último, Genma Otero, destaca que "a aprobación da RPT é unha parte esencial da elaboración do orzamento, e a entrada en vigor da Lei de emprego establece esta condición obrigatoria de que todos os postos reflectidos na RPT teñen que ter correspondencia orzamentaria. Isto é un dos principais motivos que explican o atraso na tramitación do novo orzamento".

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Avanzan na actualización da Relación de Postos de Traballo"