[13-05-2017] Este venres, 12 de maio, o goberno municipal mantivo unha xuntanza informativa cos propietarios das parcelas que están incluídas no plan especial de dotación escolar para O Milladoiro. O alcalde e os concelleiros de Educación e Urbanismo informaron do procedemento que é necesario levar a cabo e dos prazos previstos para dispoñer dese terreo, que é necesario cederllo á Xunta co obxectivo de que poida investir na construción dun novo colexio de infantil e primaria de cando menos liña 3 para O Milladoiro, en previsión do crecemento demográfico desta localidade durante os próximos anos. A totalidade dos terreos suma 20.690m2 e xa conta cun plan especial aprobado no ano 2012.
A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o "Plan Especial de dotacións para implantación dunha dotación escolar no Milladoiro - Ames" o 19 de xaneiro de 2012, motivado pola solicitude da Xunta de Galicia de dispoñibilidade dos terreos en febreiro do ano 2010. Dende entón esta actuación quedou paralizada á espera de resolver cos propietarios das parcelas a adquisición ou permuta dos terreos. Agora no ano 2017 o goberno municipal, co apoio unánime do Consello Escolar Municipal de Ames reunido o 11 de maio de 2017, inicia de novo os contactos cos propietarios para lograr a dispoñibilidade dos terreos en tanto que o planeamento urbanístico xa foi tramitado no ano 2012.
Os terreos contan cunha superficie total de 20.690 m2 e están divididos nun total de 12 parcelas, resultantes da concentración parcelaria Biduído - Bugallido, resolta o pasado ano 2016 coa entrega dos títulos aos propietarios. Dous dos cales figuran como descoñecidos, o que require do inicio dun procedemento de expropiación para a adquisición dos terreos para destinalos a equipamento educativo.
Con esta primeira xuntanza, o goberno municipal pretende retomar as conversas cos propietarios e informar do procedemento de expropiación necesario para poder dotar ao núcleo urbano do Milladoiro dun novo colexio de educación infantil e primaria. "Esta é unha das prioridades do goberno e unha necesidade urxente, debido á ausencia de parcelas destas dimensións noutras partes do núcleo urbano", destacou Santomil. Ademais, "o feito de ter xa aprobado un Plan Especial na sesión plenaria do 27 de decembro de 2012 facilita o avance nas xestións necesarias destinar estas parcelas a uso educativo, ao contar con todos os informes técnicos necesarios".
Na xuntanza participaron o alcalde, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o concelleiro de Urbanismo, Blas García, e maila arquitecta municipal. Dende o goberno municipal indican que están dando os primeiros pasos para ter dispoñibilidade pública dos terreos dun plan especial que xa se iniciou no ano 2012, coa solicitude á Xunta de Galicia para a construción dun centro escolar no Milladoiro. Na actualidade o CEP de Ventín xa está practicamente no 95% de ocupación, a pesar da ampliación feita tamén hai uns anos, e o mesmo acontece na Escola Infantil do Milladoiro, que tamén vai requirir en próximos cursos de seguir aumentando unidades.
Modificación do PXOM en 2013
En previsión do crecemento demográfico que é posible que experimente O Milladoiro nos próximos anos, requirirá dun novo colexio que dea servizo a este núcleo urbano. Xa no ano 2013 foi aprobada en sesión plenaria unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, a través dun plan especial para dotación de equipamento escolar, que contempla 20.000 metros cadrados na zona próxima a Galdrachán, a zona de expansión natural do Milladoiro cara a parte sur.
A ubicación dun novo centro escolar tan demandado require da dispoñibilidade pública dos terreos, que é o último trámite necesario para poder poñelo a disposición da Xunta de Galicia para a construción do mesmo. Todo o referido ao planeamento urbanístico está resolto a día de hoxe, hai un plan especial aprobado e, polo tanto, ese solo rústico só será posible destinalo a un equipamento educativo. Pódese consultar a localización das parcelas na seguinte ligazón: http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/AMES/documents/27736pi001.JPG
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Concello amiense negocia la expropiación de suelo para el futuro colegio de Milladoiro"
El Correo Gallego: "O Milladoiro leva seis anos de espera polo solar para o seu primeiro colexio"




