[16-02-2016] Esta mañá o goberno municipal mantivo unha nova xuntanza cos representantes do persoal do Concello de Ames. O segundo tenente de alcalde, David Santomil, foi o encargado de dirixir a devandita xuntanza ante a ausencia do alcalde. Xunto a Santomil estivo o terceiro tenente de alcalde, Blas García. Unha vez comezada a Mesa Xeral de Negociación incorporouse a primeira tenente de alcalde, Genma Otero, que se atrasou por un asunto persoal. Nesta xuntanza presentáronse os novos membros do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal, que saíron elixidos tralas eleccións sindicais que se realizaron en decembro de 2015.
En primeiro lugar fíxose a presentación da composición dos membros do novo Comité de Empresa e da Xunta de Persoal, que saíron elixidos tralas eleccións sindicais celebradas o pasado 16 de decembro de 2015. Deste xeito, o presidente do Comité de Empresa pasa a ser Ruben Ramos e a secretaría é Teresa Zapata. Por parte da Xunta de Persoal o presidente é Domingo Alborés e a secretaria Rosa García.
Dende o goberno municipal déuselle a benvida aos novos delegados sindicais que forman parte do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal e lembrouse que “o obxectivo é seguir avanzando en materia de persoal a través da constitución de grupos de traballo e da negociación colectiva cos representantes do persoal do Concello de Ames”.
A continuación, designouse aos membros que formarán parte dos grupos de traballo do regulamento das horas extras, do Fondo de Acción Social, do Comité de Seguridade e Saúde e da comisión de revisión da Relación de Postos de Traballo.
A intención do goberno municipal é convocar o antes posible a comisión para traballar na elaboración dun regulamento sobre as horas extras e a comisión de revisión da Relación de Postos de Traballo. Unha vez se pechen estes temas designaranse os membros da comisión do regulamento de uso informativo para traballar neste eido. De xeito paralelo, xa irán traballando os membros que forman parte do Fondo de Acción Social e do Comité de Seguridade e Saúde.
Actualización da RPT
Sobre a revisión e actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT) o goberno municipal explicou que “xa se leva tempo traballando na actualización da RPT, condición necesaria e imprescindible para poder aprobar o novo orzamento deste ano. O noso obxectivo é realizar esta revisión en varias fases. Consideramos que é un traballo duro e intenso e que require dun consenso por parte de todos os axentes implicados. Na primeira fase preténdese realizar unha revisión máis urxente para poder aprobar o presuposto de 2016, e de seguido, levar a cabo unha fase de negociación máis pausada xa que se trata dun documento que leva 10 anos sen tocar”.
Dende a parte sindical solicitóuselle ao goberno a sinatura dun documento no que se recolla o compromiso de abordar a revisión da RPT en varias fases e que tamén detalle os puntos que hai que abordar en cada unha das fases de negociación.




