[14-09-2017] Este mércores, 13 de setembro, o goberno municipal mantivo unha xuntanza cos representantes do persoal municipal que son membros do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal. O goberno municipal informou sobre as recentes novidades normativas en materia de oferta de emprego e as súas implicacións concretas no Concello de Ames. Tamén se falou da modificación puntual da RPT no tocante a inclusión dun novo posto no departamento de deportes en base a unha sentenza xudicial pola demanda interposta por unha persoa que traballaba no Concello de Ames a través dunha contratación externa.
A Mesa Xeral de Negociación comezou aprobando por unanimidade dos presentes a acta da anterior xuntanza do 4 de abril de 2017. De seguido, ratificouse por unanimidade o acordo tomado na Comisión de seguimento de bolsas de traballo sobre a modificación puntual do regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames. O devandito regulamento afecta ás bolsas que na actualidade están activas e permitirá facer un desdobre destas listas, para que haxa dúas listaxes diferentes (unha para cubrir interinidades e outra para contratacións temporais). O obxectivo do goberno é levar este asunto ao pleno ordinario de setembro para que, se procede, sexa aprobado pola corporación municipal.
Outro dos asuntos debatidos foi a instrución de mobilidade entre centros de traballo. Neste punto acordouse fixar un criterio obxectivo que regule o devandito intercambio de persoal entre os centros municipais de traballo. Deste xeito, estableceuse que o sistema que se utilice será segundo a orde de prelación. O/a traballador/a con máis puntuación elixirá en primeiro lugar, o/a segundo/a con máis puntuación será o seguinte en elixir... e así sucesivamente ata a cobertura de todos os postos. Asemade, acordouse responder a unha reclamación presentada sobre as resolucións adoptadas en aplicación ao regulamento de mobilidade temporal entre postos de traballo pertencentes ao mesmo corpo/escola/categoría.
Por outra banda, o goberno achegou información sobre a fiscalización do Fondo de Acción Social, xa que o importe que figura no orzamento de 2016 para dito fondo ascende a 60.000 euros e a suma das solicitudes feitas polo persoal municipal é de 63.951,57 euros, máis 600 dunha reclamación aprobada do FAS de 2015. Debido a esta circunstancia o goberno solicitou os pertinentes informes técnicos para poder incrementar en 4.551,57 a partida destinada ao Fondo de Acción Social de 2016 e dar cobertura a todas as solicitudes, pero en ditos informes denegouse esta posibilidade debido ao establecido na Lei de Presupostos Xerais do Estado.
Así, acordouse aboarlle aos traballadores as solicitudes aprobadas, pero para que chegue a contía de 60.000 euros, aboarase o 80% das solicitudes de axudas para tratamentos non contempladas na sanidade pública. A rebaixa faise nese apartado porque así o establece o regulamento de dito fondo. No resto de solicitudes non haberá rebaixa e aboarase o 100%. Aínda así, o goberno comprometeuse a volver a estudar este tema para poder aboar o importe integro, que se faría de xeito complementario nos vindeiros meses.
Modificación puntual da RPT e oferta de emprego público
Nesta reunión tamén se deu conta da modificación puntual da RPT no tocante á inclusión dun novo posto no departamento de deportes, en base a unha sentenza xudicial pola demanda interposta por unha persoa que traballaba no Concello de Ames a través dunha contratación externa. A devandita sentenza recoñécelle ao traballador que é persoal laboral indefinido dende o ano 1993. O goberno tiña a posibilidade de indemnizar ao traballador ou readmitilo e optou pola vía da readmisión, polo que dispón de tres meses para facer unha modificación puntual da RPT e crear a praza que ocuparía esta persoa, que na actualidade dispón dunha incapacidade permanente.
Por último, falouse da elaboración, en base á RPT vixente, da próxima oferta de emprego público (OEP) do Concello de Ames. A Lei de Presupostos Xerais do Estado establece unha serie de prazas que son de inclusión obrigada na Oferta de Emprego Público e outras pazas de inclusión potestativa. Deste xeito, en primeiro lugar haberá que determinar as prazas que se incluirán nesta oferta de emprego público. Dende o ano 2006 no Concello de Ames non se realiza unha oferta de emprego público. Acordouse priorizar este asunto de cara ao trimestre final de ano de xeito que se teña unha OEP neste mesmo ano 2017.