Pestanas principais

O goberno municipal reúnese cos grupos da oposición para dar conta das conversas mantidas co grupo TRAGSA sobre o ciclo integral da auga

Luns, 17 de agosto de 2015

[17-08-2015] O goberno municipal mantivo unha nova xuntanza cos grupos políticos da oposición para dar conta das xestións realizadas e das conversas mantidas co grupo TRAGSA, co obxectivo de estudar a posibilidade de que asuman unha encomenda de xestión do ciclo integral da auga durante un prazo de dous anos. Neste período o goberno municipal realizará os estudos necesarios para facer público o servizo. Esta xuntanza enmárcase dentro da comisión do ciclo integral da auga.

Nesta xuntanza o alcalde de Ames, José Miñones, deu conta dos asuntos tratados na reunión mantida co grupo TRAGSA, para estudar a posibilidade de que asuman unha encomenda de xestión do ciclo integral da auga durante un prazo de dous anos. O goberno transmitiulle á oposición que existe a posibilidade de estudar a encomenda de xestión co grupo TRAGSA, a través dun convenio directo co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Ademais, trasladóuselle aos grupos da oposición o interese mostrado por parte da empresa e os beneficios e inconvenientes que existen para o propio Concello no caso de realizar unha xestión directa do ciclo integral da auga por parte do ente público.

O rexedor municipal explica que “se lle dará traslado aos grupos políticos da oposición de toda a documentación achegada por TRAGSA, na que se inclúen varios contratos realizados con outras administracións, para que dispoñan de toda a documentación que nos achegaron e como mostra da total transparencia que busca o goberno local neste proceso administrativo”.

Asemade, nesta segunda reunión da comisión do ciclo integral da auga tamén se falou das diversas posibilidades existentes e das xestións realizadas por parte do Concello co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Unha vez se lle proporcionou toda a información existente aos partidos da oposición, o goberno municipal plantexou a posibilidade de estudar a vía da encomenda da xestión co Ministerio, de forma paralela, ao inicio do proceso de licitación e ao estudio previo dos pregos.

Os grupos da oposición non amosaron contrariedade a esta proposta, polo que o Concello contratará a realización dos pregos técnicos e o estudio económico financeiro, de cara a poñer en marcha o antes posible o procedemento de licitación a curto prazo (2 anos, máis un, máis un), de xeito que permita ter todos os trámites realizados por se non é posible a opción da encomenda de xestión. O goberno municipal quedou en trasladar canta información se teña aos grupos da oposición.

O obxectivo do goberno é poder ter na segunda semana de setembro o estudio económico e os pregos necesarios para a licitación, así como obter unha resposta do Ministerio sobre a posibilidade da encomenda. Finalmente, o Concello preguntaralle á UTE, que xestiona actualmente o servizo da auga, sobre a súa dispoñibilidade a continuar prestando dito servizo durante o período de emerxencia.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames estudia a la vez un contrato del agua por dos años y su gestión pública"
El Correo Gallego: "Pliegos para el agua de Ames en septiembre y encomienda estatal"