[10-04-2018] O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, reuniuse este luns, 9 de abril, con representantes das ANPAS dos centros escolares de Ames. En dito encontro acordouse crear unha comisión municipal de baremación con presenza dun representante de cada ANPA dos cinco centros escolares con comedor e do Concello de Ames. Asemade, convocarase un pleno extraordinario do Consello Escolar Municipal de Ames no mes de maio, para avaliar os datos de escolarización e dos programas de conciliación para o próximo curso escolar. Durante o mes de marzo, na Rede Municipal de Comedores Escolares, renovaron en prazo un total de 1.059 usuarios/as e rexistráronse 258 novas solicitudes.
Este pasado luns, 9 de abril, realizouse unha xuntanza do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, cunha representación das ANPAS dos centros con servizo de comedor escolar. O obxectivo desta xuntanza foi informar dos datos provisionais de renovación e preinscrición de solicitudes nos programas de conciliación. Deste xeito, durante o mes de marzo, na Rede Municipal de Comedores Escolares, renovaron en prazo un total de 1.059 usuarios/as e rexistráronse 258 novas solicitudes.
Ademais, dende a Concellaría de Educación considerouse necesario trasladar ao Consello Escolar Municipal de Ames todas as dúbidas e propostas das ANPAS e do Concello de Ames sobre a dispoñibilidade de prazas de escolarización e dos programas de conciliación. Así, convocarase un pleno extraordinario deste órgano no mes de maio, para avaliar os datos de escolarización e dos programas de conciliación para o próximo curso escolar.
Por outra banda, cómpre salientar que a ordenanza fiscal e o regulamento da Rede Municipal de Comedores Escolares actualizáronse en febreiro de 2018, para incorporar as bonificacións ás cotas dos usuarios/as e integrar os decretos que regulaban o servizo dende o ano 2011. Dita modificación debateuse no Consello Escolar Municipal o pasado 9 de novembro de 2017, aprobouse en Pleno o 30 de novembro de 2017 e superou sen alegacións o período de exposición pública. Finalmente, entrou en vigor o 1 de febreiro e o 14 de febreiro de 2018 respectivamente.
No artigo 22 do regulamento de comedores indícase que unha vez adxudicadas as prazas correspondentes ás renovacións, as prazas vacantes serán asignadas ás/aos solicitantes de novo ingreso. No caso de que o número de solicitudes de novo ingreso supere a oferta, farase unha selección e terán prioridade as familias empadroadas no Concello de Ames, así como aquelas familias que teñen a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar e aquelas con necesidades sociais e económicas.
O concelleiro de Educación, David Santomil, apunta que “dende o ano 2015 incrementáronse máis de 200 prazas de comedores escolares para intentar atender á crecente necesidade de conciliación das familias. Crearase por primeira vez unha comisión de baremación con representantes das ANPAS e convocarase o Consello Escolar Municipal para debater de novo sobre o modelo e criterios de xestión dos comedores e dos programas de conciliación. Ademais, nos anos 2017 e 2018 actualizáronse as ordenanzas e o regulamento para adaptalo ás necesidades escolares que, á súa vez, son susceptibles de calquera modificación futura se así o considera o Consello Escolar Municipal”.
Contido relacionado

Lindeiros: "Máis de 60 nenos poderían quedar sen praza nos comedores escolares de Ames"
La Voz de Galicia: "Las Anpa de Ames ven «insostible» la saturación de todos los colegios"
Compostela 24 Horas: "138 niños podrían quedarse sin plaza de comedor en Ames"
La Voz de Galicia: "Ames registra 1.317 solicitudes de comedor escolar pero hay 1.252 plazas"
El Correo Gallego: "Os pais de Ames participarán na baremación do comedor"




